Blog de César Salgado

Simple English Wikipedia

Acabo de reparar na edición da Wikipedia en inglés sinxelo, a Simple English Wikipedia, que pode servir para aprendermos inglés nas aulas. Haberá que seguirlle a pista e, quizá, colaborar…

E tamén en inglés simplificado están varias obras da Filosofía moderna no proxecto Early Modern Texts. Por exemplo, Essay Concerning Human Understanding e Second Treatise of Government de John Locke (1632 - 1704). Un pouco pesado para rapaces de Primaria, con todo…

Decembro 14, 2006 Posted by César Salgado | Education, Language, Philosophy | | Non hai comentarios

Convertendo graos sexaxesimais en decimais

Buscaba eu O Barco no Google Maps sabendo que está máis ou menos nas coordenadas 42º 25′ norte e 7º oeste. Quixen converte-los graos sexaxesimais en decimais e encontrei servizos en internet que o fan, por exemplo Latitude/Longitude Conversion na páxina da estadounidense Federal Communications Commission.
Agora xa sei que as coordenadas oeste e sur son negativas, así que teño que poñer 42.416667, -7 no Google Maps… :-)

Por certo, é unha virguería o multiconversor de unidades da Universidade Libre de Berlín.

E xa está aquí o resultado, nunha captura de pantalla, da navegación por Google Maps:
valdeorras.jpg

¿Como fixen a captura de pantalla? Usando dúas cousas moi simples: a) a tecla “Print Screen” (imprimir pantalla) pon a imaxe no “clipboard” (portapapeis); b) cun programa gratuíto como IrfanView ou GIMP pego o contido do portapapeis e gárdoo como unha imaxe JPEG.

Decembro 9, 2006 Posted by César Salgado | Education, Galicia, Software | | Non hai comentarios

Primeiras neves no Barco

O Barco está rodeado de montañas que pasan dos mil metros, así que imos ver cumios brancos esta semana. A imaxe é a predicción de Meteogalicia para este serán. Eu sempre miro, ademais, as prediccións que fai unha máquina do Instituto Nacional de Meteorología.

P.S. (14 - III - 2008): recentemente o INM pasou a chamarse AEMET (Agencia Estatal de Meteorología). Segue a haber esas prediccións por localidades das que falaba na anotación.

Decembro 9, 2006 Posted by César Salgado | Education, Galicia | | Non hai comentarios

Fotos para Ciencias Naturais

Encontrei unha interesante colección de fotografías de fauna e flora do Xardín Botánico da Universidade de Wroclaw (Polonia). Ó principio intimida que o menú e algúns títulos estean en polaco, pero logo é doado navegar e case sempre aparecen os nomes en latín da taxonomía tradicional.

Engado este enlace a un que xa coñecía hai tempo: a páxina dos fotógrafos checos Josef e Lubomir Hlasek con mamíferos, réptiles, insectos, aves, plantas, fungos…

Tamén dei cunha pequena colección con fotos de aves do Campus da University of Hawai`i at Manoa. Destas dísenos explicitamente na páxina que poden usarse sen permiso… viva o copyleft :-)

Decembro 7, 2006 Posted by César Salgado | Education, Nature, Science, Visual arts | | Non hai comentarios

Google Earth

Estiven a procurar O Barco de Valdeorras no xoguete este chamado Google Earth, onde se ven imaxes de satélite, estradas e algunhas cousas máis, e di que vimos estando a unha altitude de 312 m, coordenadas 42º 25′ norte e 7º oeste.

Decembro 2, 2006 Posted by César Salgado | Education, Software | | Non hai comentarios

Chegar e encher

Pedinlles ós rapaces que fixesen presentacións para os seus blogs respectivos e, cada un á súa maneira, fixéronas. Pensaba que ía ser cousa de “chegar e encher” pero non tivemos tempo de poñe-las presentacións na rede.

Relacionado con este traballo de contar historias persoais nos blogs, acaba de publicarse un artigo en Eduteka, “El mundo de las narraciones digitales”, onde se reflexiona entre outras cousas, sobre “¿Que pasa cando se lle dá a un mal guitarrista un amplificador máis grande?” e a importancia de preparar ben o contido das historias, “se non aparece no guión, non se di no escenario”.

Decembro 2, 2006 Posted by César Salgado | Education | | Non hai comentarios