Vexo que na clase de galego de 4º de Primaria administrada pola profe Mariña García San León prepararon un “cadáver exquisito”.
Non son caníbales nin mataron a ninguén… Un “cadáver exquisito” (en francés, “cadavre exquis”; en inglés, “exquisite corpse”) é un xogo desenvolvido polos surrealistas en torno a 1925, a partir dun antigo xogo de mesa chamado “consecuencias”. Ademais de ser un xogo, os surrealistas usábano como método para investiga-las posibilidades artísticas do azar. Varias persoas escriben (ou debuxan) por turnos nun papel que se dobla deixando ver so o final do escrito (ou debuxado). O seguinte continúa a obra con esa única referencia, volve dobla-lo papel e así sucesivamente. O nome procede dunha frase composta con este método, “Le cadavre – exquis – boira – le vin – nouveau” (traducido, “o cadáver exquisito beberá o viño novo”).
Esta técnica coñecina nas magníficas clases que nos impartiu Enrique Fernández Castiñeiras sobre o surrealismo (curso 1995/96, Escola de Maxisterio de Compostela, materia “Aproximación ó fenómeno artístico”; poucas veces aprendín tanto en tan poucas horas). Desa época de Maxisterio recordo tamén as posibilidades creativas do “remuíño de ideas”, (máis coñecido polo seu nome en inglés, “brainstorming”), técnica onde hai unha fase de producción de ideas onde prima a cantidade, son benvidas as ideas diverxentes (mesmo disparatadas) e non hai crítica pero si transformación libre das ideas aportadas.
Pois a ver se nos animamos nós tamén. Graciñas a Mariña e ós seus alumnos…

