Contos de Cunqueiro
Estiven a traballar cos meus alumnos sobre unha das “semblanzas” de tipos galegos escritas por Álvaro Cunqueiro en libros como Escola de menciñeiros e fábula de varia xente. Descubrín con gozo que moitas destas historias revisitounas, en castellano (Cunqueiro sempre alternou, na miña opinión con mestría, as dúas linguas que hoxe son “cooficiais” na Galiza), ó final da súa vida.
Os textos ponos na rede a Biblioteca Virtual “Miguel de Cervantes”. Son máis de sesenta contos, nun PDF de 289 KB titulado “Las historias gallegas” e encabezado por unha introducción que, ó parecer, escribiu o propio Cunqueiro pouco antes de morrer (febreiro do 1981).
O curioso é que para facer algo máis que ler, e poder traballar cos textos (copiar, editar ou imprimir) ten un que procurar un programa dos moitos que hai na internet para “PDF Password Recovery”. Se un sabe isto, leva uns cinco minutos pasa-los contos ó procesador de textos. Logo, ¿para que poñen barreiras que so un iniciado pode saltar? Ó millor é para dificulta-lo traballo ós profesores que queremos achegar un texto de calidade ós nosos alumnos de Lingua e Literatura.
A nosa ministra di que hai que pagar pola cultura. Os alumnos non van pedir cultura ós pais e poucos pais lles darán cultura se hai que pagala. Os contidos-lixo están xa, gratis, na tele, sete días á semana e vinte e catro horas ó día. Non digamos na internet.
Por favor, facilitade o traballo dos profesores… e Deus vos bendiga por poñer a disposición do público esta xoia de contos.

