Blog de César Salgado

31 Marzo 2007

Dúo para gatos

Gardado en: Music, Vocal music — César Salgado @ 19:38

Hoxe estiven a buscar vídeos onde cantasen o “Duetto buffo di due gatti”, ás veces atribuído a Rossini, pero que en realidade é unha parodia que inclúe música dunha ópera súa. O autor é probablemente Robert Lucas Pearsall.

Seleccionei dúas versións das moitas que hai no YouTube, unha onde o cantan dous nenos:

E outra onde o cantan dúas mulleres:

27 Marzo 2007

ICE (In Case of Emergency)

Gardado en: Education, Politics — César Salgado @ 21:57

Facémonos eco da iniciativa ICE (In Case of Emergency) que coñecemos a través do blog de Mariña García San León.

A idea é simple. Sería útil para as persoas accidentadas que están inconscientes ter no teléfono móbil un ou varios contactos gardados (facilmente localizables ó chamárense ICE1, ICE2…) para que os médicos, bombeiros ou policías chamen ós seus achegados.

Sonetos en español

Gardado en: Education, Literature — César Salgado @ 20:39

Admirable selección de 475 sonetos en español, feita por José Benito Freijanes Martínez: “Los sonetos de mi vida”. Graciñas polo traballo e por apuntar a outra selección con interesantes enlaces, “Sonetos del Siglo de Oro”, feita por Alix Ingber (Sweet Briar College).

Poemas de Rosalía de Castro

Gardado en: Education, Galicia, Literature — César Salgado @ 16:58

Buscando textos cos que martirizar ós meus alumnos encontrei, na web “Galicia Espallada”, unha escolma de poemas de Rosalía de Castro (1837 – 1885) e outros autores galegos. Graciñas…

23 Marzo 2007

Brandenburgische Konzerte

Gardado en: Education, Johann Sebastian Bach, Music, Recorder, String music, Wind music — César Salgado @ 20:39

Hoxe buscaba unha partitura do concerto para trompeta (e violín, e oboe, e flauta de bico) en “fa maior” BWV 1047 e encontrei dúas: unha no International Music Score Library Project (IMSLP) e outra no Center for Computer Assisted Research in the Humanities (CCARH, Stanford University).

15 Marzo 2007

As moscas e o mel

Gardado en: Education, Galicia, Literature — César Salgado @ 20:51

Unha compañeira que tiven no Porriño, profe de inglés, dicía referíndose ó noso labor educativo: “cázanse máis moscas con mel que con vinagre”. E é ben difícil ás veces deixa-lo vinagre cando damos clase…

Iso lévame a recorda-lo conto “O boticario, o parvo e as moscas”, así como as fábulas de Samaniego, pois hai unha moi coñecida que di:

“A un panal de rica miel
dos mil Moscas acudieron,
que por golosas murieron,
presas de patas en él.
Otra dentro de un pastel
enterró su golosina.
Así, si bien se examina,
los humanos corazones
perecen en las prisiones
del vicio que los domina.”

Máis enlaces con poesía e contos (graciñas por compartírde-lo voso traballo):

Garabato (Paco Mozos Valero)

La Poesía (Jesús Herrera Peña)

11 Marzo 2007

Signos de puntuación

Gardado en: Education, Language — César Salgado @ 10:31

Algúns xogos de palabras que cambian de sentido segundo os signos de puntuación:

1 (a): Señor morto, esta tarde chegamos.

1 (b): Señor, morto está, tarde chegamos.

2 (a): Un home tiña un can e a nai do home era tamén o pai do can.

2 (b): Un home tiña un can e a nai; do home era tamén o pai do can.

O que segue é unha adaptación da versión portuguesa do Testamento do milionário (web da Associação de Professores de Português), que aparece tamén no artigo sobre “ambigüidade” do E-Dicionário de Termos Literários coordenado por Carlos Ceia (Universidade Nova de Lisboa).

Un millonario deixou o seguinte testamento escrito en maiúsculas:

“DEIXO TÓDOLOS MEUS BENS Á MIÑA IRMÁ NON Ó MEU SOBRIÑO NUNCA PAGAREI Ó XASTRE NADA ÓS POBRES”

Os avogados das partes fixeron fotocopias do manuscrito e presentáronse con elas diante do xuíz.

Na copia da irmá líase claramente: “DEIXO TÓDOLOS MEUS BENS Á MIÑA IRMÁ. NON Ó MEU SOBRIÑO. NUNCA PAGAREI Ó XASTRE. NADA ÓS POBRES.”

A copia do sobriño dicía, sen embargo: “¿DEIXO TÓDOLOS MEUS BENS Á MIÑA IRMÁ? NON. Ó MEU SOBRIÑO. NUNCA PAGAREI Ó XASTRE. NADA ÓS POBRES.”

Na do xastre poñía: “¿DEIXO TÓDOLOS MEUS BENS Á MIÑA IRMÁ? NON. ¿Ó MEU SOBRIÑO? NUNCA. PAGAREI Ó XASTRE. NADA ÓS POBRES.”

Ó final, o avogado dos pobres mostrou a súa: “¿DEIXO TÓDOLOS MEUS BENS Á MIÑA IRMÁ? NON. ¿Ó MEU SOBRIÑO? NUNCA. ¿PAGAREI Ó XASTRE? NADA. ÓS POBRES.”

Graciñas a Joaquim Ferreira por compartir estes pequenos segredos…

P.S. (13 – III – 2008). Chegoume por correo electrónico este xogo en español. Pregúntanche onde hai que coloca-la vírgula ou coma:

“Si el varón supiese realmente el valor que tiene la mujer andaría a cuatro patas en su búsqueda”

Posibles respostas:

  • Si usted es mujer, con toda seguridad colocaría la coma después de la palabra “mujer”
  • Si usted es varón, con toda seguridad colocaría la coma después de la palabra “tiene”

:-)

7 Marzo 2007

Día Internacional das Mulleres

Gardado en: History, Human Rights, Politics, United States — César Salgado @ 21:27

Mañá, 8 de marzo, celébrase o Día Internacional das Mulleres, que aquí moitos chaman “día da muller traballadora”. Parece haber varias ideas falsas sobre a orixe desta celebración, como escribe Ana Isabel Álvarez González en “Clarificación del mito del 8 de marzo”.

Cada un conta a historia segundo os seus intereses. Seguindo a cronoloxía que fai a páxina oficial das Nacións Unidas, queda claro que a primeira celebración foi promovida no ano 1909, nos Estados Unidos, polo Partido Socialista; sería a Internacional Socialista, no 1910 (en København, nunha casa que están a demoler estes días) a que establecería unha celebración internacional polos direitos das mulleres, entre eles o direito ó sufraxio. Logo engadiríanse reivindicacións pacifistas, coincidindo coa “Grande Guerra” do 1914…

Soe mencionarse o incendio da “Triangle Shirtwaist Factory” como o feito que dá lugar á conmemoración, pero este foi no 1911. Sen embargo, e aínda que non está claro se o lume foi fortuíto ou provocado intencionadamente, desde logo merece a pena estudiar este caso, pola súa importancia na Historia do movemento obreiro. Encontrei información nas páxinas da Cornell University e da Wikipedia.

Como no dito galego, “cada un fala da feira segundo lle vai nela”; ou como aprendín hoxe co profesor de portugués da escola, Joaquim Ferreira, “quem conta um conto aumenta um ponto”…

Artigos Antigos »

Bloguea en WordPress.com.