Blog de César Salgado

Día Internacional das Mulleres

Mañá, 8 de marzo, celébrase o Día Internacional das Mulleres, que aquí moitos chaman “día da muller traballadora”. Parece haber varias ideas falsas sobre a orixe desta celebración, como escribe Ana Isabel Álvarez González en “Clarificación del mito del 8 de marzo”.

Cada un conta a historia segundo os seus intereses. Seguindo a cronoloxía que fai a páxina oficial das Nacións Unidas, queda claro que a primeira celebración foi promovida no ano 1909, nos Estados Unidos, polo Partido Socialista; sería a Internacional Socialista, no 1910 (en København, nunha casa que están a demoler estes días) a que establecería unha celebración internacional polos direitos das mulleres, entre eles o direito ó sufraxio. Logo engadiríanse reivindicacións pacifistas, coincidindo coa “Grande Guerra” do 1914…

Soe mencionarse o incendio da “Triangle Shirtwaist Factory” como o feito que dá lugar á conmemoración, pero este foi no 1911. Sen embargo, e aínda que non está claro se o lume foi fortuíto ou provocado intencionadamente, desde logo merece a pena estudiar este caso, pola súa importancia na Historia do movemento obreiro. Encontrei información nas páxinas da Cornell University e da Wikipedia.

Como no dito galego, “cada un fala da feira segundo lle vai nela”; ou como aprendín hoxe co profesor de portugués da escola, Joaquim Ferreira, “quem conta um conto aumenta um ponto”…

Marzo 7, 2007 Posted by César Salgado | History, Human Rights, Politics, United States | | Non hai comentarios

O río Leteo

Algunhas veces quero explicar algo e os alumnos non atenden. Entón vou chamando un por un ós que seguen distraídos. Cando consigo a atención de todos comezo o discurso dicindo “Agora que xa cruzáste-lo río Leteo…”

Eles xa saben de que falo. A historia, ou a lenda, transcorre no século II a. C. Os soldados que comandaba Decimus Junius Brutus “Callaicus” tiñan que cruzar un río (que hoxe chaman Lima os portugueses e Limia os galegos). Pero pensan que é o río “Lethes”, que segundo a mitoloxía fai esquecer todo a quen beba ou se bañe nel. Finalmente o comandante non debía de ser nada “bruto” e si bastante listo: cruza el primeiro e vai chamando un por un ós seus oficiais, demostrando que non esquecera os seus nomes.

P. S. Non debe confundirse este comandante con outros membros moi posteriores da súa familia, como Marcus Junius Brutus ou Decimus Junius Brutus Albinus, que participaron no asasinato do emperador Gaius Julius Caesar. Pode ser útil consultar a páxina de desambiguación sobre “Brutus” da Wikipedia en inglés.

Marzo 7, 2007 Posted by César Salgado | Education, Galicia, History | | Non hai comentarios