Día Internacional das Mulleres
Mañá, 8 de marzo, celébrase o Día Internacional das Mulleres, que aquí moitos chaman “día da muller traballadora”. Parece haber varias ideas falsas sobre a orixe desta celebración, como escribe Ana Isabel Álvarez González en “Clarificación del mito del 8 de marzo”.
Cada un conta a historia segundo os seus intereses. Seguindo a cronoloxía que fai a páxina oficial das Nacións Unidas, queda claro que a primeira celebración foi promovida no ano 1909, nos Estados Unidos, polo Partido Socialista; sería a Internacional Socialista, no 1910 (en København, nunha casa que están a demoler estes días) a que establecería unha celebración internacional polos direitos das mulleres, entre eles o direito ó sufraxio. Logo engadiríanse reivindicacións pacifistas, coincidindo coa “Grande Guerra” do 1914…
Soe mencionarse o incendio da “Triangle Shirtwaist Factory” como o feito que dá lugar á conmemoración, pero este foi no 1911. Sen embargo, e aínda que non está claro se o lume foi fortuíto ou provocado intencionadamente, desde logo merece a pena estudiar este caso, pola súa importancia na Historia do movemento obreiro. Encontrei información nas páxinas da Cornell University e da Wikipedia.
Como no dito galego, “cada un fala da feira segundo lle vai nela”; ou como aprendín hoxe co profesor de portugués da escola, Joaquim Ferreira, “quem conta um conto aumenta um ponto”…

