Blog de César Salgado

31 Maio 2007

Está “na rúa” o Mozilla Firefox 2.0.0.4

Gardado en: Mozilla Firefox, Software — César Salgado @ 20:45

Pois iso, saíu a versión 2.0.0.4 do Mozilla Firefox, conque escollan o idioma e o sistema operativo que queiran, porque navegador non o encontrarán millor… :-)

Outra recercada de Diego Ortiz na rede

Gardado en: Diego Ortiz, Harpsichord, Keyboard music, Music, String music, Viola da gamba — César Salgado @ 19:27

P.S. (18 – I – 2008). Ernst Stolz retirou este vídeo do seu canal. Aquí Ernst Stolz tocaba, acompañado por Robert Ouwerkerk (ó cravo), a recercada II sobre o passamezzo moderno. Dicía eu:

Os amantes da viola da gamba estamos de noraboa gracias á producción incansable de Ernst Stolz, a quen xa citei aquí varias veces. Ernst Stolz comparte connosco, entre outros, un repertorio que eu coñecín hai moitos anos a través dunha gravación de Jordi Savall e Genoveva Gálvez (Hispavox, 1970): as recercadas de Diego Ortiz, extraídas da súa obra Tratado de Glosas (Trattado de Glosas sobre Clausulas y otros generos de puntos en la Musica de Violones nuevamente puestos en luz, Roma, 1553).

30 Maio 2007

Santiago Prado Conde

Gardado en: Education, Galicia, Politics — César Salgado @ 17:03

É unha lástima que o antropólogo de Melide Santiago Prado Conde (Chago para os amigos, e el eo desde os tempos da Escola de Maxisterio) aínda non teña páxina web, ou bitácora, ou algo así, porque seguro que había dicir cousas máis interesantes ca min, sobre a educación e a política, por exemplo.

Acabo de saber, con tres meses e pico de retraso, que Chago gañou o Premio “Vicente Risco” de Ciencias Sociais, cun traballo baseado na tese que lle valeu o título de doutor, Poboacións non pertinentes nas institucións educativas. O alumnado con procedencia rural na Terra de Melide, e que será publicado en breve por Sotelo Blanco Edicións.

O premio en cuestión convócano anualmente a Fundación Sotelo Blanco, a Fundación Vicente Risco, o Concello de Allariz e o Concello de Castro Caldelas.

Noraboa, amigo. Os anos que levas a traballar incansable comezan a da-los seus froitos…

P.S. (30 – XII – 2007): anoto na bitácora que xa saíu publicado o libro, co título Novas minorías nas institucións educativas (ISBN: 9788478245260).

WTC, book I

Gardado en: Education, Johann Sebastian Bach, Keyboard music, Music, Well-tempered Clavier — César Salgado @ 10:56

As siglas WTC significan, fóra dos círculos da música para teclado, “World Trade Center”, un edificio formado por dúas torres que derribaron dous avións que alguén secuestrou o 11 de setembro do 2001.

Para os amantes das teclas brancas e negras, WTC significa Wohltemperirte Clavier (na ortografía do alemán da época) ou, na lingua do actual imperio, Well-tempered Clavier, en alusión á inmensa obra didáctica, artística e especulativa de Johann Sebastian Bach. Esta obra, da que xa falei hai uns días, divídese en dous libros (publicados en 1722 e 1744), e o que eu millor coñezo é o libro I.

Como o clavicordio, o cravo e o piano son tan distintos que non poden compararse, direi cal é a miña interpretación preferida en cada un deles. Sempre falando do libro I, no cravo prefiro a de Ton Koopman (Erato, 1996). No piano, a de Friedrich Gulda (Philips, 1972).

No clavicordio so coñezo a interpretación de Ralph Kirkpatrick (Deutsche Grammophon, 1963). Ralph Kirkpatrick é para min o millor, ou un dos millores cravistas da Historia, pero o clavicordio é un mundo aparte… eu tiña o oído moi viciado de tanto oír cravos, e esta gravación pareceume ó principio un experimento con momentos dificilmente calificables como artísticos. Confeso que estaba equivocado e agora non me separo dese disco.

Despois de falar dos deuses, e das súas (ou nosas) debilidades, volvemos a dous seres humanos que fun encontrando en YouTube, interpretando pezas deste libro do que falo. Para segui-las obras cunha partitura, pódense ve-las vellas edicións de Johann Sebastian Bach no IMSLP.

O primeiro é un estudiante, ó piano e nun exame de acceso dunha escola de música estadounidense, tocando o preludio e fuga en “fa menor” BWV 857:

O segundo é Alexander Bildau, e toca, ó piano, o preludio e fuga en “si menor” BWV 869:

Eleccións municipais 2007

Gardado en: Galicia, Politics, Software, Spain — César Salgado @ 10:04

Este domingo pasado houbo en Galicia eleccións municipais. Tamén houbo municipais no resto de España, xunto con moitas eleccións autonómicas, en tódalas comunidades autónomas agás nas catro que se adiantaron cos respectivos Estatutos (as tres “históricas” e Andalucía).

Para os resultados pódense consultar:

El blog de Usa el Coco

Gardado en: Education — César Salgado @ 09:05

Xa falei aquí de “Usa el coco”, esa magnífica páxina de Nacho Diego, con problemas e outras actividades para traballa-las matemáticas e o razonamento, que eu usei en máis dunha escola, con alumnos de varios niveis de Educación Primaria.

Pois hoxe encontrei “El blog de Usa el Coco”, onde se van engadindo valiosos contidos regularmente. Graciñas por compartírde-lo voso coñecemento…

28 Maio 2007

Arcadelt: Il bianco e dolce cigno

Gardado en: Arcadelt, Education, Music, Vocal music — César Salgado @ 13:39

Do compositor Jacques (ou Jacob) Arcadelt, o máis coñecido é este precioso madrigal, Il bianco e dolce cigno. Pódense ve-las transcricións do madrigal “Il bianco e dolce cigno” na CPDL. Poño dúas versións.

A primeira parece un ensaio, e o director (imperdonable nel non sabe-la obra de memoria) mira a partitura en vez de mirar ós cantores; cúmprese o axioma da dirección: en consecuencia, os cantores tampouco o miran apenas a el.

Con todo, fan moitas cousas aceptablemente, quizá porque o director sexa un bo músico sen técnica de dirección, ou quizá por outro tópico educativo: os alumnos aprenden, non gracias ó mestre, senón a pesar do mestre.

É o Maynooth University Chamber Choir, xa citado aquí hai uns días:

A segunda é unha gravación dos sublimes King’s Singers, nun arranxo didáctico da incansable margotlorena:

O edificio da Senra (Bergondo)

Gardado en: Education, Galicia, History, Politics, Spain — César Salgado @ 11:03

A través da páxina oficial do Concello de Bergondo coñecín que en YouTube hai un documental sobre a historia do edificio da Senra, recentemente reconstruído e inaugurado para albergar un centro sociocultural con auditorio, biblioteca, aula de informática e outros servizos. Ou esas son as intencións iniciais…

O edificio orixinal fora promovido por unha asociación de emigrantes, como Centro de Instrucción y Recreo “Bergondo y sus Contornos”. A inauguración foi no 1936, pouco antes do golpe militar de Francisco Franco, e disolvérona “elementos non identificados” disparando armas de fogo.

Coa guerra civil o edificio foi incautado, e os franquistas non o utilizaron para os fins que os promotores querían darlle (escola e centro sociocultural para os bergondeses). A devolución ó Concello de Bergondo tardou sesenta e cinco anos…

Artigos Antigos »

Bloguea en WordPress.com.