Blog de César Salgado

Henry Purcell: dúas pílulas

Outro dos meus amores eternos, Henry Purcell (1659 - 1695), está hoxe na ruta e quedan sinaladas na bitácora dúas obras súas.

A primeira é un fragmento da ópera “Dido and Aeneas”, creo que nunha producción da Akademie für Alte Musik Berlin dirixida por Attilio Cremonesi xunto co coreógrafo Sasha Waltz.

O fragmento comeza case no principio da ópera e termina pouco despois do coro “When monarchs unite”. Para seguilo podemos recorrer ás partituras de Purcell no IMSLP:

A segunda peza de hoxe é importante para min porque a cantei, a principios dos noventa, no Coro Universitario de Santiago de Compostela, baixo a dirección de Xosé Carlos García Pardo (de quen tanto aprendín nos planos musical e humano).

Trátase da versión “homofónica” do texto “Thou knowest, Lord, the secrets of our hearts” (Funeral Music for Queen Mary). Véxanse as partituras de “Thou knowest, Lord” na CPDL.

Nalgunhas edicións aparece como complemento ou substituto desta versión “homofónica” outra versión “polifónica” (tamén de Purcell) do mesmo texto; para Robert King, grandísimo músico e autor dunha recomendable biografía do compositor, non parece haber dúbida de que a “homofónica” foi a interpretada no funeral.

Aquí está interpretada por un coro de nenos holandés, o Roder Jongenskoor, dirixido por Bouwe R. Dijkstra:

Maio 27, 2007 - Posted by César Salgado | Henry Purcell, Music, Vocal music | | Non hai comentarios

Non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

Deixa un comentario