Blog de César Salgado

Theodore Roosevelt, premio Nobel da paz

Xa comentei noutra anotación que ando a ler un libro (ver referencia ó final desta anotación) sobre a Historia dos Estados Unidos, libro que pretende adopta-lo punto de vista que non aparece habitualmente nos manuais escolares, o dos indios, o dos negros, o dos traballadores… Estou no capítulo que fala da guerra contra España por Cuba e Filipinas (1898), unha guerra que marca un punto de inflexión no imperialismo dos Estados Unidos. O capítulo comeza cunhas palabras escritas o ano anterior por Theodore Roosevelt, que entre outras cousas foi “heroe” en Cuba, chegou a presidente dos Estados Unidos e “independizou” Panamá de Colombia para construír e explota-lo canal de Panamá:

“I should welcome almost any war, for I think this country needs one”

Pois ben, a este home déronlle o premio Nobel da paz no ano 1906, disque pola súa contribución ó fin da guerra entre Rusia e Xapón. Non nos estrañemos de ver esta clase de peixes na lista. O premio tamén llelo deron a Henry Kissinger e Le Duc Tho no 1973 (Le Duc Tho tivo polo menos a honradez de rexeita-lo premio, dicindo que aínda non había paz no seu país); a Menachem Begin e Anwar Al Sadat no 1978; e, no 1993, a Yasser Arafat, Shimon Peres e Yitzhak Rabin… pacifistas de toda a vida.

Howard Zinn: La otra Historia de los Estados Unidos. Hiru Argitaletxea, Hondarribia, 1997. ISBN 9788489753914.

Título orixinal: A People’s History of the United States: 1492 to present.

P. S. (15 – VII – 2007): onte rematei a lectura do libro e, cando estaba a repasalo, encontrei outra pérola do noso premio Nobel. Resulta que no ano 1893 os Estados Unidos tiveron unha boa oportunidade para anexionarse o arquipélago de Hawaii, pero non o fixeron. Theodore Roosevelt (traduzo pola citada edición española) cualificou esta indecisión como

un crime contra a civilización branca

e dixo á academia naval:

Tódalas razas grandes e poderosas fixeron a guerra contra outras razas. Ningún triunfo da paz é tan grande como o triunfo supremo da guerra.

Xullo 5, 2007 - Publicado por César Salgado | Colombia, Cuba, History, Human Rights, Panama, Philippines, Politics, Spain, United States | | Aínda non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Deixa un comentario