Andreas Staier toca a Sonata BWV 965 (arranxo de Bach dunha peza de Reinken)
Hoxe volvo ó canal en YouTube de WerckmeisterIII para traer aquí un vídeo onde Andreas Staier toca o cravo, nun concerto do 1997. Andreas Staier especializouse no cravo e no fortepiano, pero ten gravacións onde mesmo toca o piano.
A obra que se escoita (incompleta) neste vídeo foi catalogada como sonata en “la menor” BWV 965 (pódense segui-las notas gracias ás partituras de J. S. Bach no IMSLP).
Pero realmente esta e algunha sonata máis son arranxos para teclado de pezas compostas por Jan Adam Reinken (1643 – 1722) e publicadas na obra Hortus Musicus (1687). Esta en concreto, parece que era para dous violíns, viola (ou para tres violas da gamba, dúas soprano e unha baixo) e continuo.
Notas: algún biógrafo dá o 1623 como ano de nacemento de Reinken; ese dato é incoherente co resto da súa biografía. Tanto os nomes como o apelido deste compositor aparecen con variantes ortográficas diversas segundo a fonte que se consulte, algo ó que xa estamos afeitos os amantes da música antiga…
A sonata BWV 965 non está completa neste vídeo. Consta dos seguintes movementos (indico entre paréntese se están ou non no vídeo): Adagio (si), Fuga (si), Adagio (non), Presto (si), Allemande (si), Courante (non), Sarabande (non), Gigue (non).



I hope you understand English, like your blog very much, although I do not understand but some names. Plus music!
Comment por balkan | Xullo 22, 2007 |