Blog de César Salgado

J. S. Bach: Motette “Jesu, meine Freude” BWV 227, movs. 1, 2, 3

Gracias ó canal en YouTube de civileso podemos escoita-los tres primeiros “movementos” do Motette “Jesu, meine Freude” (BWV 227) e mirar ó mesmo tempo unha partitura. Eu cantara o primeiro destes co Coro Universitario de Santiago de Compostela (parecía fácil, por aquilo de que se ven poucas notas, pero é todo o contrario). Estes fano algo millor, disque son o Netherlands Chamber Choir, dirixidos por Ton Koopman:

Para ve-la partitura completa pódese acudir á páxina de obras de Johann Sebastian Bach no IMSLP.

Agosto 19, 2007 Posted by César Salgado | Johann Sebastian Bach, Music, Vocal music | | Non hai comentarios

Noam Chomsky: Hegemony or survival

Empecei a ler un libro do polifacético Noam Chomsky, que nun principio destacou nos campos da Lingüística e a Filosofía ou Psicoloxía da Linguaxe, pero que agora é máis coñecido como un activista político, polas súas análises do capitalismo global e do imperialismo dos Estados Unidos. Esta é a referencia da obra que estou a ler:

  • Noam Chomsky: Hegemonía o supervivencia: la estrategia imperialista de Estados Unidos. Ediciones B, Barcelona, 2005. ISBN: 9788466623070. Título orixinal: Hegemony or Survival: America’s Quest for Global Dominance.

Chomsky fala da política, exacerbada desde o 1960, de terrorismo de Estado, executado directamente polos Estados Unidos ou apoiado mediante axuda militar e loxística en lugares como Cuba, Nicaragua, Guatemala, El Salvador, Panamá, Colombia, Brasil, Angola, Vietnam, Indonesia, Líbano, Iraq, Turquía, Libia, Serbia…

Fala dunha estratexia clara do Goberno dos Estados Unidos (e do complexo militar-industrial que o conforma ou sustenta) para a dominación global. Así, cando non se ataca flagrantemente por motivos económicos, atácase para evitar que prosperen “desafíos á hexemonía” do citado complexo militar-industrial, que poderían converterse en “exemplos perniciosos” susceptibles de “contaxiar ese virus” a outras sociedades.

Fala dun unilateralismo moral con total desprezo polo Direito Internacional e polas institucións que se ocupan da súa regulación, como as Nacións Unidas e o Tribunal Internacional de Xustiza. Un exemplo: Nicaragua, no 1984, denunciou nese tribunal ós Estados Unidos, polas súas actividades militares e paramilitares. Nese caso o tribunal condenou ós Estados Unidos. Pero estes non acataron a sentencia, vetaron unha resolución posterior do Consello de Seguridade da ONU e ignoraron un voto case unánime (so votaron en contra eles, Israel e El Salvador) que respaldaba a Nicaragua na Asamblea Xeral…

Fala do uso sistemático, arredor destas cuestións, dunha “enxeñería social” cada vez máis refinada, dunha fabricación da “opinión pública” a través da propaganda, da desinformación, do secretismo e da mentira.

Fala dun control da sociedade a través do medo a ameazas diversas, como o crime, a droga, o terrorismo, as “armas de destrucción masiva”, cunha mestura de ideas “patrióticas” (que poden tomar formas como etnocentrismo, paternalismo, racismo…) e “relixiosas” (teocracia de facto con delirio mesiánico colectivo; tampouco se debe olvidar que moitas sectas dos Estados Unidos son milenaristas…).

Agosto 19, 2007 Posted by César Salgado | Angola, Brazil, Colombia, Cuba, El Salvador, Guatemala, Indonesia, Iraq, Israel, Lebanon, Libya, Nicaragua, Panama, Politics, Propaganda, Religion, Serbia, Turkey, United States | | Non hai comentarios

Vivaldi: “Nisi Dominus” RV 608 cantado por Andreas Scholl

Que inxusto podo chegar a ser. Levo meses con esta bitácora e non puxera ningunha anotación sobre Antonio Vivaldi (1678 - 1741).

Gracias ó canal en YouTube de civileso, podemos escoitar e a un tempo segui-lo vocal score do “Nisi Dominus” RV 608 (RV é abreviatura de Ryom Verzeichnis) cantado por Andreas Scholl. Está dividido en varios vídeos e eu poño aquí o primeiro:

O texto é do salmo 127, aínda que con pequenas diferencias respecto a este da Vulgata, onde leva o número 126:

[1] canticum graduum Salomonis nisi Dominus aedificaverit domum in vanum laboraverunt qui aedificant eam nisi Dominus custodierit civitatem frustra vigilat qui custodit eam
[2] frustra vobis est de mane consurgere postquam sederitis qui manducatis panem idolorum sic dabit diligentibus se somnum
[3] ecce hereditas Domini filii mercis fructus ventris
[4] sicut sagittae in manu potentis ita filii iuventutis
[5] beatus vir qui implevit faretram suam ex ipsis non confundentur cum loquentur inimicis in porta

O texto da partitura parece seguir máis ben a este que copio dunha versión da Liturgia Horarum (non sei latín abondo, e nada das linguas orixinais do “antigo testamento”, como para explica-las sutís diferencias nunha e noutra versión):

[1] Nisi dominus edificaverit domum in vanum laboraverunt qui edificant eam. Nisi dominus custodierit civitatem frustra vigilat qui custodit eam.
[2] Vanum est vobis ante lucem surgere surgite postquam sederitis qui manducatis panem doloris.
Cum dederit dilectis suis sompnum [3] ecce hereditas domini filii merces fructus ventris.
[4] Sicut sagitte in manu potentis ita filii excussorum.
[5] Beatus vir qui impleuit desiderium suum ex ipsis non confundentur cum loquentur inimicis suis in porta.
[Doxology] Gloria patri et filio et spiritui sancto. Sicut erat in principio et nunc [et semper et in secula seculorum. Amen]

Agosto 19, 2007 Posted by César Salgado | Music, Vivaldi, Vocal music | | 5 Comentarios