Noam Chomsky: Hegemony or survival
Empecei a ler un libro do polifacético Noam Chomsky, que nun principio destacou nos campos da Lingüística e a Filosofía ou Psicoloxía da Linguaxe, pero que agora é máis coñecido como un activista político, polas súas análises do capitalismo global e do imperialismo dos Estados Unidos. Esta é a referencia da obra que estou a ler:
- Noam Chomsky: Hegemonía o supervivencia: la estrategia imperialista de Estados Unidos. Ediciones B, Barcelona, 2005. ISBN: 9788466623070. Título orixinal: Hegemony or Survival: America’s Quest for Global Dominance.
Chomsky fala da política, exacerbada desde o 1960, de terrorismo de Estado, executado directamente polos Estados Unidos ou apoiado mediante axuda militar e loxística en lugares como Cuba, Nicaragua, Guatemala, El Salvador, Panamá, Colombia, Brasil, Angola, Vietnam, Indonesia, Líbano, Iraq, Turquía, Libia, Serbia…
Fala dunha estratexia clara do Goberno dos Estados Unidos (e do complexo militar-industrial que o conforma ou sustenta) para a dominación global. Así, cando non se ataca flagrantemente por motivos económicos, atácase para evitar que prosperen “desafíos á hexemonía” do citado complexo militar-industrial, que poderían converterse en “exemplos perniciosos” susceptibles de “contaxiar ese virus” a outras sociedades.
Fala dun unilateralismo moral con total desprezo polo Direito Internacional e polas institucións que se ocupan da súa regulación, como as Nacións Unidas e o Tribunal Internacional de Xustiza. Un exemplo: Nicaragua, no 1984, denunciou nese tribunal ós Estados Unidos, polas súas actividades militares e paramilitares. Nese caso o tribunal condenou ós Estados Unidos. Pero estes non acataron a sentencia, vetaron unha resolución posterior do Consello de Seguridade da ONU e ignoraron un voto case unánime (so votaron en contra eles, Israel e El Salvador) que respaldaba a Nicaragua na Asamblea Xeral…
Fala do uso sistemático, arredor destas cuestións, dunha “enxeñería social” cada vez máis refinada, dunha fabricación da “opinión pública” a través da propaganda, da desinformación, do secretismo e da mentira.
Fala dun control da sociedade a través do medo a ameazas diversas, como o crime, a droga, o terrorismo, as “armas de destrucción masiva”, cunha mestura de ideas “patrióticas” (que poden tomar formas como etnocentrismo, paternalismo, racismo…) e “relixiosas” (teocracia de facto con delirio mesiánico colectivo; tampouco se debe olvidar que moitas sectas dos Estados Unidos son milenaristas…).
Aínda non hai comentarios.


