Blog de César Salgado

Santiago Prado Conde: “Novas minorías nas institucións educativas”

Xa falei nesta bitácora do meu amigo de Melide, o antropólogo (e, á fin, doutor) Santiago Prado Conde, máis coñecido como Chago.

Falo outra vez del porque Sotelo Blanco Edicións publicou o traballo ó que daquela fixen referencia e co que gañou o Premio “Vicente Risco” de Ciencias Sociais. O título co que saíu o libro é un pouco máis curto que o do traballo, Novas minorías nas institucións educativas (ISBN: 9788478245260).

Hai en Vieiros unha reseña sobre o libro escrita por Xerardo Pereiro, antropólogo e profesor na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro.

Por certo, que debo agradecer a Chago, Xerardo, Rut e demais familia que me mostrasen hoxe o castelo de Pambre (por fóra, que para velo por dentro dependes do propietario), así como outras marabillas en pan e queixo que se producen por aquela terra (Palas de Rei, Antas de Ulla).

Graciñas e parabéns… :-)

Decembro 29, 2007 Emitido por César Salgado | Education, Galicia, Politics | | Non hai comentarios

O mestre conta anécdotas do trimestre (II)

Estaba eu falando de Gramática, materia pouco semellante a un videoxogo no seu ritmo, polo que é fácil perde-la concentración. Era a enésima vez que explicaba a diferencia entre determinantes e pronomes e, por fuxir do tedio e intentar que algunhas palabras entrasen por un oído e non volvesen saír polo outro, introducín unha comparación un tanto forzada: “Realmente son as mesmas palabras, pero teñen doble personalidade. Pásalles como ó doutor Jekyll con mister Hyde”.

Sen remata-la explicación, que eu xa supoñía necesaria, sentín que me interrompía un alumno dicindo: “Profe, non nos fales de cousas do século XX, que nós somos do século XXI”.

Imaxino que o alumno so pretendía ser “gracioso”. Debo recoñecer que acertou en que non se pode ensinar sen ter en conta os cambios nas circunstancias culturais, sociais, económicas… Así que non é de todo unha impertinencia, pero debo sinalar un erro conceptual que subxace neste exabrupto e en grande parte da nosa cultura, o desprezo polo pasado… ¿non repetiu o xenial Isaac Newton que “vira máis lonxe porque se subira nos ombros de xigantes”?

A todo isto, resulta que nin do século XX lles falaba: “Strange Case of Dr Jekyll and Mr Hyde” é unha novela publicada no 1886, escrita por Robert Louis Stevenson (1850 - 1894), a quen moitos coñecemos en primeiro lugar por “A illa do tesouro”

Decembro 29, 2007 Emitido por César Salgado | Education, Language, Literature | | Non hai comentarios