Blog de César Salgado

1 Marzo 2008

Libros da fin de semana

Gardado en: Education, Galicia, Language, Literature — César Salgado @ 22:05

Acabei de ler “Das novas cousas de Ramón Lamote” (Galaxia, Vigo, 2008; ISBN: 9788498650440), escrito por Paco Martín. Na miña opinión non é axeitado, como regra xeral, para os rapaces de doce anos como recomenda na capa. Parece escrito máis para os profesores que para os rapaces. Non ten a frescura que tiña “Das cousas de Ramón Lamote” (SM, Madrid, 1985; ISBN: 9788434815308), un libro que sempre tiven entre os meus preferidos, que triunfou desde que saíu, moi lido, premiado e traducido.

Comecei a ler “O neno do pixama a raias” (versión galega de “The Boy in the Striped Pyjamas”, escrito por John Boyne). O libro paréceme moi bo (polo momento, vou pola páxina 80 de 190), pero quen o traduciu usa un galego moi estraño. Coloca mal moitos pronomes átonos, confunde o “te” (OD) co “che” (OI), usa perífrases de “ter + infinitivo” como se fosen tempos compostos…

Quizá o meu coñecemento da dialectoloxía non abonda para explicar estes fenómenos, pero dei clase en moitas escolas das catro provincias galegas e en ningunha delas falaban así. Non me queda outra opción que xulgar segundo as gramáticas da lingua galega que coñezo (Álvarez / Xove; Freixeiro). Desde logo se a Xunta deu unha axuda para esta publicación, debían pedir que a devolvesen. Eu terei que ler na aula pola versión española na área correspondente, porque non lles podo dar ós rapaces un texto onde encontrarían máis erros aínda que os que teño que corrixir nos castelán-falantes.

Versión en español: “El niño con el pijama de rayas” (Salamandra, 2007; ISBN: 9788498380798).

Ver tamén a páxina oficial de John Boyne

P.S. (2 – III – 2008). Acabei de le-lo libro e merece a pena. Espero que o traduzan ó galego algún día…

1 comentario »

  1. Tocante a “O neno do pixama…”, tes razón no da lingua. O uso de certos pronomes renxe pola confusión e mais pola posición. Unha mágoa, porque non son tantos os erros como se fan visibles.
    Así e todo, decidín propoñelo como lectura. Os meus rapaces, aínda que non sexan usuarios fanáticos da lingua, teñen coñecementos pasivos abondos como para non verse “contaminados” por esas grallas.
    Non sei se as rectificaron na segunda edición. Pagaría a pena.
    Unha aperta.

    Comentario por Revolta da freixa — 28 Abril 2008 @ 15:12


RSS feed for comments on this post.

Deixar un comentario

Bloguea en WordPress.com.