Horario de verán: adianto dos reloxos este domingo
O cambio deste domingo non vai facer que os rapaces entren nas aulas antes de que saia o sol, pero si vai provocar que moitos rapaces que se erguían coa luz do sol pasen a facelo de noite. Iso afecta ó rendemento, pero quizá ás autoridades non lles preocupe tanto a función educativa da escola como a función asistencial: que os nenos estean estabulados, alimentados e gardados das inclemencias meteorolóxicas. Os adultos sumamos unha alienación máis á longa lista, e se non nos rebelamos contra outras piores, esta so a comentamos como anecdótica…
Escribía eu hai cinco meses na anotación “Horario de inverno: faltan tres semanas”:
A calquera que veña do centro de Europa (por exemplo de Hungría, onde eu pasei un mes de “visita académica” no Instituto Kodály) o horario de moitos escolares galegos, en certas épocas do ano, halle parecer antipedagóxico ou, como mínimo, extravagante.
Durante medio curso, moitos alumnos entran nas aulas antes de que saia o sol. Da hora á que se erguen non falemos. Coñezo unha parroquia de Agolada onde o autobús que os leva pasa hora e media antes do comezo das clases, que son nun instituto de Lalín…
Na páxina de MeteoGalicia podemos consulta-las horas, para calquera data, de orto e ocaso do sol nas cidades galegas (para calquera outro lugar do mundo, podemos usa-la Sunrise / Sunset Calculator).
O cambio entre horario de inverno (UTC + 1) e horario de verán (UTC + 2) vén regulado en Galicia, como no resto de España, polo “Real Decreto 236/2002, de 1 de marzo, por el que se establece la hora de verano” publicado no BOE do 2 - III - 2002. Prodúcense estes cambios, coordinadamente en toda a Unión Europea, o último domingo de marzo (adianto dos reloxos) e o último domingo de outubro (atraso dos reloxos).
Pero o que falla en Galicia é claramente perceptible ó cruza-la fronteira portuguesa: estamos no fuso horario equivocado…
Non hai comentarios »
Aínda non hai comentarios.
Deixa un comentario
About (presentación)
Nota: varios vídeos que incluín neste blog, entre eles gravacións históricas de ópera, xa non están en YouTube. Se a causa foi algunha denuncia, opino que é un abuso claro do copyright. Pero, por desgracia para os melómanos e para a difusión da cultura, YouTube é un negocio e son libres para quitalos do seu servizo haxa denuncias ou non…
Para saber máis sobre min, podes visita-la páxina persoal de César Salgado García (que son eu). Este blog empeceino a finais do 2006 para un grupo de alumnos (eran “cuarto B”, de aí o nome que tivo nun principio), pero o proxecto non callou e acabou sendo o meu blog persoal. Recomendo usa-lo navegador Mozilla Firefox. Se queres escribirme, este é o meu e-mail: cesarsalgado@yahoo.com. Este son eu no 1997:

E esta é unha petición para un dominio galego (se os cataláns o conseguiron, nós tamén podemos):
