Blog de César Salgado

Philippe le Bel et Philippe le Beau

Acabei de ler A passo di gambero, un libro que recompila artigos e conferencias de Umberto Eco, na súa traducción española (A paso de cangrejo; Random House Mondadori, Barcelona, 2007; ISBN: 9788483465677).

Tropecei coa miña insondable ignorancia en moitas das súas páxinas, por exemplo cando, contando da fin dos templarios (principios do século XIV), fala de “Felipe el Hermoso”. Entón produciuse a disonancia cognitiva: na escola faláronnos dun “Felipe el Hermoso”, con certa relevancia na Historia de España a principios do século XVI. Evidentemente non foron a mesma persoa, aínda que nas Wikipedias en italiano, portugués e alemán tamén chaman ós dous por igual “il Bello”, “o Belo” e “der Schöne”.

Recorrendo á Wikipedia en francés, vexo que alí chaman Philippe le Bel ó que foi rei Filipe IV de Francia entre os anos 1285 e 1314, mentras que chaman Philippe le Beau ó fundador da dinastía Habsburg en España (so foi rei de Castela durante uns meses do 1506, pero o seu primoxénito varón foi Carlos V, emperador de media Europa e coñecido en España como Carlos I).

Na Wikipedia en inglés chaman “Philip the Fair” ó perseguidor dos templarios, e “Philip the Handsome” ó pai do emperador Carlos V.

É sempre útil procurar información en máis dunha Wikipedia. Moitas veces a Wikipedia en inglés ten o millor artigo, pero outras veces as Wikipedias en italiano, francés, español, portugués… teñen artigos aínda millores. E case sempre van aportar informacións complementarias. Debemos prestar atención ás estrelas, que indican “artigos destacados”, e tamén ó símbolo dos artigos que non chegaron a esa categoría pero son considerados bos.

Maio 7, 2008 - Posted by César Salgado | Austria, Belgium, Czech Republic, Education, France, Germany, History, Hungary, Italy, Netherlands, Poland, Politics, Religion, Slovenia, Spain, Switzerland | | Non hai comentarios

Non hai comentarios »

No comments yet.

Deixa un comentario