España: para obter un millor nivel de vida convén estudar
Copio (quem conta um conto, aumenta um ponto) unha anotación que facía a semana pasada o escritor e traductor Ramón Buenaventura no seu caderno de bitácora (Librillo de apuntes de Ramón Buenaventura). Os datos son do ano 2007 e veñen na Encuesta de Presupuestos Familiares publicada polo Instituto Nacional de Estadística español.
Relaciónase o nivel de acreditación académica (estudos) que posúe o “sustentador principal” (a persoa que máis aporta ó orzamento do fogar ou unidade familiar) co nivel de gasto por fogar e per capita, por esa orde:
- Sen estudos ou con estudos de 1º grao: 23 398 €, 9 343 €
- Educación secundaria, 1º ciclo: 31 091 €, 10 587 €
- Educación secundaria, 2º ciclo: 35 458 €, 12 195 €
- Estudos superiores non universitarios: 36 573 €, 12 840 €
- Estudos universitarios, 1º ciclo: 40 028 €, 14 984 €
- Estudos universitarios, 2º e 3º ciclo: 45 717 €, 16 827 €
Conclusión: en España, como regra xeral, para obter un millor nivel de vida convén estudar ou polo menos foilles conveniente ás xeracións actuais, aínda que todos coñezamos excepcións, como os “emprendedores” que chegaron a millonarios sen estuda-la secundaria ou os licenciados que traballan na caixa dun supermercado…
Corolario: como non se modifiquen as condicións materiais do ensino público e da sociedade no seu conxunto, as desigualdades tenderán a reproducirse, o cal tamén vén sendo unha regra xeral, ou faranse piores, coa globalización (que deslocaliza empresas e abre fronteiras ós inmigrantes), coa nosa (in)competencia lingüística e coa fenda dixital.
Aínda non hai comentarios.


