Aquí estamos a vivir uns días de frío, pero nada comparable co que se ve neste vídeo, onde nos falan de Oymyakon, unha das vilas máis frías do mundo xunto con Verkhoyansk. Nestes lugares, as temperaturas dun día calquera de decembro ou de xaneiro case nunca superan os corenta graos baixo cero:
O clima extremo destas rexións de Siberia era unha das penalidades ás que estaban sometidos os prisioneiros (moitos deles por motivos políticos) nos campos soviéticos de “reeducación” (traballos forzados) coñecidos como gulag.
Podemos ver como está o tempo hoxe, en máis de mil cidades do mundo, no World Weather Information Service (World Meteorological Organization). En Rusia, unha das cidades disponibles é Jakutsk (tamén escrito Yakutsk), onde se prevé para mañá unha “máxima” de trinta e seis graos baixo cero…
Nota: as temperaturas que puxen están expresadas en graos centígrados (tamén chamados graos Celsius) pero convén saber que nalgúns países (en concreto, nos Estados Unidos) aínda se usan os graos Fahrenheit. Ademais está a escala Kelvin que se usa en Física e Química e que parte do cero absoluto.

