Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega
O escritor Xosé Luís Méndez Ferrín é desde hoxe presidente da Real Academia Galega. A nova en Xornal de Galicia:
O escritor Xosé Luís Méndez Ferrín xa preside a Real Academia Galega
O novo presidente da RAG apostou por unha “xestión continuista” á fronte desta institución.
Os membros da Real Academia Galega (RAG) elixiron hoxe a Xosé Luis Méndez Ferrín como novo presidente da institución, nun plenario no que o escritor ourensano resultou elixido por maioría absoluta. Ferrín substitúe no cargo a Xosé Ramón Barreiro Fernández, quen deixou esta responsabilidade o pasado 18 de decembro tras oito anos á fronte da presidencia.
A candidatura de Xosé Luis Méndez Ferrín foi a única presentada para optar á presidencia da RAG. No plenario celebrado hoxe na súa sede da Coruña, 20 dos 23 académicos avalaron esta candidatura. Os outros tres votaron en branco.
Xunto a Ferrín, conformarán a executiva Xosé Luís Axeitos Agrelo, que ata agora ocupaba o cargo de arquiveiro-bibliotecario e que pasa a secretario, mentres que Manuel González González, que ostentaba esta responsabilidade, asumirá a tesouraría. Con Ferrín, incorpóranse á executiva Francisco Fernández Rei, novo vicesecretario, e Euloxio Rodríguez Ruibal, novo arquiveiro. Tras a súa elección, o novo presidente da RAG apostou por unha “xestión continuista” á fronte desta institución e por “reactivar” os seus traballos no ámbito da gramática e a lexicografía.
Aínda non hai comentarios.