Bailabén: manual de aprendizaxe do baile tradicional galego
Hai dous meses falei neste blog de “Así fan os bailadores…” (Dos Acordes, Baiona, 2009; ISBN: 978-84-936618-4-7).
Pois hoxe acabo de coñecer, a través da Asociación de Gaiteiros Galegos, outro libro acompañado dun DVD didáctico sobre as nosas danzas folclóricas. Leva por título “Bailabén: manual de aprendizaxe do baile tradicional galego” (publicado por Edicións do Cumio; ISBN: 978-84-8289-316-7). Copio un extracto da súa presentación:
Con este manual pretendemos achegar material didáctico ao eido do baile tradicional, ou polo menos dar un primeiro paso nese camiño. É a nosa intención proporcionarlles aos mestres de primaria e secundaria unha ferramenta de axuda nas súas aulas. Así poderán dar a coñecer unha parte moi importante do noso patrimonio inmaterial. Diríxese tamén a todos aqueles afeccionados e ensinantes do baile tradicional que queiran seguir a nosa liña sinxela e didáctica.
Neste libro e no DVD que o acompaña atoparedes indicacións e descricións dos movementos de xota e muiñeira reforzadas con fotografías, así como un documento audiovisual de máis dunha hora de duración.
Os autores, Edith Cotilla Quintela e Gustavo Couto Rodríguez, son mestres de baile tradicional e membros do Obradoiro de Cultura Tradicional “Ultreia” de Santiago.
Aínda non hai comentarios.