Lasso: “Timor et tremor venerunt super me”
Coñecín a obra “Timor et tremor”, composta por Orlando di Lasso (ca. 1532 – 1594), hai moitos anos, nun disco excelente dos Tallis Scholars (Gimell CDGIM 018). É unha xoia. Para min destacan o figuralismo (word painting) e o cromatismo, que me fai pensar en compositores como Tallis, Gesualdo ou Marenzio…
Aquí canta o Vokal Ensemble München (director, Martin Zöbeley) no festival Musica Sacra International, que reúne músicas relixiosas cristiás, xudías, islámicas, budistas e hinduístas. Este festival celébrase nos anos pares, alternando coa International Chamber Choir Competition, que se celebra nos anos impares, na vila de Marktoberdorf (en Alemaña pero moi perto das fronteiras con Austria e Suíza). Podedes ver máis vídeos destes festivais no canal en YouTube de Dolf Rabus.
Timor et tremor venerunt super me,
et caligo cecidit super me:
miserere mei, Domine, miserere mei,
quoniam in te confidit anima mea.
Exaudi, Deus, deprecationem meam,
quia refugium meum es tu et adjutor fortis.
Domine, invocavi te, non confundar.
O texto parece un collage elaborado con varios salmos. Conseguín identificar que o primeiro verso é do salmo 55:6 e o séptimo verso é unha paráfrase do salmo 31:18. Eu uso a Nova Vulgata. Digo isto porque os textos e a numeración de salmos e versículos varían segundo a fonte. Dous exemplos: na Vulgata o salmo que eu cito como 55 é o 54; e na King James Version o versículo que eu cito como 6 é o 5…
As obras de Orlando di Lasso pertencen ao dominio público. Nestes enlaces hai transcripcións gratuítas e “escaneados” de edicións comerciais antigas:
- Partituras de Orlando di Lasso na CPDL (Choral Public Domain Library)
- Partituras de Orlando di Lasso no WIMA (Werner Icking Music Archive)
- Partituras de Orlando di Lasso no IMSLP (International Music Score Library Project)
Aínda non hai comentarios.