Manuel Gago: “Campo Lameiro: 22 hectáreas de relato prehistórico”
Un dos millores blogueiros en lingua galega é sen dúbida Manuel Gago Mariño. El ten moita enerxía e intereses moi diversos, pero eu destacaría del as anotacións sobre arqueoloxía e os roteiros. Hoxe quero sinalar a anotación publicada antonte baixo o título “Campo Lameiro: 22 hectáreas de relato prehistórico”. Copio a continuación un extracto:
[...] Campo Lameiro non é un proxecto menor: é o primeiro parque da polémica e discutida Rede de Parques Arqueolóxicos deseñados pola Administración autonómica durante o goberno Fraga e asumidos tamén polo bipartito. Esta rede, que cando se finalice -en data indeterminada- contará con catro parques, distribuídos nas catro provincias galegas. Cada un deles exemplificará nun significativo sitio arqueolóxico do territorio un dos grandes periodos culturais da Prehistoria e Historia Antiga de Galicia.
Deste xeito, Lugo acollerá o Parque Arqueolóxico do Mundo Romano, o gran castro de San Cibrán de Lás (Punxín e San Amaro, en Ourense), o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, a Costa da Morte o do Megalitismo e este de Campo Lameiro, o da Arte Rupestre. Tras Campo Lameiro o vindeiro en abrir -e non tardará moito, en teoría- será San Cibrán de Lás. O que está máis verde aínda é o da Costa da Morte, que aínda se atopa en plena tramitación administrativa e do que se descoñece a ubicación do centro de interpretación, polo que eu sei (e coa que está caendo, sospeito que a Administración non se está metendo especial présa). A estrutura administrativa dos parques será mixta: mentres a Xunta mantén a dirección dos centros, a xestión, promoción, merchandising dos Parques corresponderá a empresas privadas que acceden a través de contratos públicos. Así funciona xa aquí. [...]
Aínda non hai comentarios.