Italo Calvino: “O barón rampante” e “O cabaleiro inexistente”
Despois de ler “O vizconde demediado” continuei cos outros dous libros da triloxía escrita por Italo Calvino baixo o título xeral “I nostri antenati” (”Os nosos antergos”). A traducción galega das tres obras fíxoa Silvia Gaspar Porras e destaca polo riquísimo vocabulario.
“Il barone rampante” (1957) é o segundo libro e, con moito, o máis extenso dos tres (”O barón rampante”; Xerais, Vigo, 1988; ISBN: 9788475073323). A min custoume traballo lelo e non o recomendaría como lectura xuvenil. Pode que eu tivese demasiadas expectativas postas nel, que quixese ler entre liñas algo máis, que desde logo non conseguín entender ou que simplemente non estaba na intención do autor (1957 foi o ano no que Italo Calvino rompeu cos comunistas, trala intervención soviética en Hungría).
O que si volve aparecer neste libro é a cuestión das persecucións por motivos ideolóxicos (relixiosos): os xesuítas, perseguidores e perseguidos; o Abade Fauchelafleur, exilado e logo encarcerado por xansenista…
O Abade pasou o resto dos seus días entre cárcere e convento en continuas abxuracións, ata que morreu, sen entender, despois dunha vida enteira dedicada á fe, en qué crera nunca, pero intentando crelo firmemente ata o final.
Recórdame ó relixioso daquel conto que recolleu Anthony de Mello, a quen preguntou un camiñante “¿por que segues a falar se non convenciches a ninguén?” e o predicador contestou “agora falo para que non me convenzan eles a min”… Algo parecido fai o protagonista, o barón Cosimo de Rondó, quen prolonga a súa vida nas árbores ata a morte sen dar un motivo para a súa obstinación, nin coñecelo el mesmo.
“Il cavaliere inesistente” (1959) é o terceiro libro e, para min, o millor (”O cabaleiro inexistente”; Xerais, Vigo, 1988; ISBN: 9788475073279). Un dos puntos sobresalientes da obra é a reductio ad absurdum que fai da épica medieval, do macabro esperpento que resulta a guerra, onde o espírito humano non so non se realiza, senón que se anula…
[...] a cabalería é unha grande cousa, pero os cabaleiros son moi prosmeiros, afeitos a realizar magníficas empresas, pero chafonas, de calquera maneira, conseguindo manterse millor ou pior dentro das sacrosantas regras que xuraran seguir e que, ó estar ben fixadas, sacábanlle-la fatiga de pensar.
É asimesmo aguda a dúbida que proxecta sobre o altruísmo das motivacións humanas:
Así corre sempre o mozo cara á muller. Pero, ¿é verdadeiramente o amor por ela o que o empuxa? ¿Ou non é máis que amor por si mesmo á procura dunha seguranza de ser que so a muller pode darlle?
E a reflexión sobre a tarefa do narrador:
Así pois, tanto do amor coma da guerra direi o que boamente consiga imaxinar; a arte de escribir historias está en sacalo todo do pouco que un comprendeu da vida; pero rematada a páxina vólvese colle-la vida e decátase un de que todo o que sabía non é nada.
P.S. (1 - V - 2008). Estou a ler unha compilación de artigos escritos por Umberto Eco (A paso de cangrejo; Random House Mondadori, Barcelona, 2007; ISBN: 9788483465677), e acabei agora un destes artigos, dedicado ó filósofo Norberto Bobbio.
Aquí coméntase que, se o “barón rampante” vive nas árbores, non é para eludir obrigas (de feito participa na vida da comunidade e nos acontecementos históricos do seu tempo), senón porque necesita esa perspectiva, como un intelectual precisa liberdade e distanciamento para poder exerce-la súa función crítica.

