Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

O caso da profesora substituta Julie Amero

Como persoa e como profesor síntome atinxido polo caso de Julie Amero, unha profesora que enfronta un xuízo penal, cunha elevada petición de cárcere, nos Estados Unidos.

Segundo a reportaxe, de sete páxinas, arriba enlazada, esta profesora facía un uso pouco apropiado de internet na aula, consultando páxinas non relacionadas co seu traballo. Pero está acusada por un incidente puntual no cal os alumnos, de doce e trece anos, viron uns anuncios pornográficos en ventás do tipo “pop-up” que se encadean, abríndose unha nova ao cerrares a anterior.

Todas as evidencias apuntan a que a profesora fixo todo o que estaba na súa man para evitar expoñer aos alumnos a esas imaxes unha vez que apareceron na pantalla. Ademais, a responsabilidade do uso anterior desa computadora non era desta profesora, e as medidas de seguridade informática do centro eran practicamente nulas: Windows 98 no ano 2004, sen filtros, antivirus nin antispyware…

En suma, aquí xoga sobre todo a hipocrisía dunha sociedade en constante “caza de bruxas”, cun sistema xudicial viciado, que fabrica culpables (e mesmo condenas de morte) con testemuñas negociadas (que ás veces salvan a vida por testificar) e ocultación de probas.

De acordo, por suposto, en que o ben xurídico a protexer é de máximo valor, os nenos e adolescentes, pero tal vez deberiamos reflexionar sobre a protección que lles damos como sociedade en conxunto, cos programas de televisión que toleramos en horario diúrno, a prensa diaria chea de anuncios de explotación sexual, etcétera.

1 Marzo 2007 - Posted by | Education, Human Rights, Politics, Software, United States

Sorry, the comment form is closed at this time.