Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Segunda forma do artigo

Os que falamos galego (exceptuando certas bisbarras no sur e no leste da provincia de Ourense) usamos inconscientemente o alomorfo do artigo -lo / -la / -los / -las (ollo, hai filólogos que o consideran un fenómeno fonético e non morfolóxico). Pero as novas normas (2003) elaboradas pola Real Academia Galega xunto co Instituto da Lingua Galega recomendan non representalo por escrito. A miña opinión foi, durante anos, que si debía representarse para facilitárlle-la aprendizaxe da lingua oral ós rapaces que non teñen o galego como lingua materna. A recomendación do 2003 causou o efecto dunha norma, e hoxe case ninguén escribe “come-lo caldo”. A min paréceme lamentable, pero a lingua, e a vida, teñen problemas máis importantes, e non sei se paga a pena obcecarse. Quizá haxa que aplica-lo refrán: “hai que ir cos que van”… :-)

Máis información sobre o uso oral e escrito da “segunda forma do artigo” nestas páxinas:

Copio un extracto deste último enlace, en concreto do traballo “Lingua galega: dúbidas lingüísticas”, elaborado por Anaír Rodríguez Rodríguez e Montserrat Davila Ventura (Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, 2004; ISBN 9788481582666):

O artigo determinado conta con dous alomorfos: a primeira forma, o/a/os/as, e a chamada segunda forma do artigo, lo/la/los/las. A representación gráfica da segunda forma non é obrigatoria, polo que se pode usar en todos os casos o, a, os, as, agás coa preposición por e co adverbio u, cos que si é preceptiva a representación da segunda forma (polo, pola, polos, polas, u-lo, u-la, u-los, u-las).

Casos en que se pode representar a segunda forma do artigo:

1. Despois de infinitivo, das formas verbais que rematen en -r e -s e dos pronomes átonos nos, vos e lles: Prepara-lo xantar, facémo-los exercicios, estragóuseno-la neveira…

2. Despois dos pronomes tónicos nós e vós cando van seguidos dun numeral: Nó-los catro, vó-los cinco…

3. Despois de ambos, entrambos e todos, cos seus femininos, das preposicións por e tras, da conxunción (e) mais e co adverbio u. Nestes casos, agás en u-lo, non se grafa con guión: Ámbolos dous, entrámbalas dúas, tódolos días, pola noite, trala casa, eu (e) maila nena, ¿u-lo rapaz?…

Cómpre lembrar que é incorrecto utilizar o guión para separar unha forma verbal dun pronome.
Forma correcta: ¿Colléste-lo libro? [Neste caso lo é artigo.]
Forma incorrecta: *Collémo-lo. [Neste caso lo é un pronome que substitúe a libro, o correcto sería collémolo.]

Tamén se debe ter en conta que a segunda forma do artigo non se representa na secuencia participio + artigo.
Forma correcta: Serán desenvolvidos os seguintes puntos.
Forma incorrecta: *Serán desenvolvído-los seguintes puntos.

16 Abril 2007 - Posted by | Education, Galicia, Language

Sorry, the comment form is closed at this time.