Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

No al préstamo de pago en bibliotecas

Parece mentira, pero temos que loitar para que non cobren por coller libros emprestados nas bibliotecas. Na páxina da campaña No al préstamo de pago en bibliotecas están a recoller asinaturas contra unha norma da Unión Europea, a Directiva 2006/115/CE, que dá maior valor ós beneficios das corporacións (medidos en euros e disfrazados coa retórica dos “direitos de autor”) que ós beneficios dos cidadáns (medidos en acceso á educación, á cultura e á información). O perigo principal está na forma en que se faga a transposición desta directiva ó Direito español.

Os bibliotecarios, a través desta e outras accións, están a dar un magnífico exemplo de compromiso coa cultura. Tamén hai miles de profesores comprometidos co fomento da lectura. Coñezo moitos casos de profesores que traballan voluntariamente (e algúns gratuitamente) facendo préstamo, catalogación e outros traballos nas bibliotecas escolares, porque as autoridades non ven ou non queren ver que estas bibliotecas necesitan PROFESIONAIS con dedicación exclusiva. Ó final a escola é un almacén: do mesmo xeito que almacenamos nenos, almacenamos libros…

Pero aínda hai máis, o recente Decreto 130/2007, que establece o currículo de Primaria para Galicia, esixe que cada centro educativo elabore un “proxecto lector”, que pasará a ser un dos eixos principais nas programacións de tódalas áreas e materias. ¿Para que tanto esforzo, se logo non se poñen os recursos materiais e humanos que precisan as bibliotecas?

Logo incluímos no currículo unha nova área, “Educación para a cidadanía e os Direitos Humanos”. Pois a ver que cara nos queda ós profesores cando cheguemos á Declaración Universal dos Direitos Humanos, porque os nenos son nenos pero non son parvos, e detectan algunhas hipocrisías millor que os adultos. Repasemos algúns artigos:

[…] Artigo XIX

Toda persoa ten direito á liberdade de opinión e de expresión; este direito inclúe o de non ser molestada por causa das súas opinións, o de investigar e recibir informacións e opinións e o de difundilas, a través de calquera medio de expresión e sen limitación de fronteiras.

[…] Artigo XXVII

1. Toda persoa ten direito a tomar parte libremente na vida cultural da comunidade, a gozar das artes e a participar do progreso científico e dos seus beneficios.

2. Toda persoa ten direito á protección dos intereses morais e materiais que resulten das produccións científicas, literarias ou artísticas das que sexa autora.

[…] Artigo XXX

Nada na presente Declaración poderá ser interpretado no sentido de que confire algún direito a calquera Estado, grupo ou persoa para emprender actividades ou realizar actos tendentes á supresión de calquera dos direitos e liberdades nela proclamados.

Se hai algo estimable no texto da DUDH é que combina firmeza de principios con claridade, elegancia e humanidade. O artigo XXX non deixa lugar a dúbidas: non se pode aplica-lo apartado segundo do artigo XXVII como se non houbese máis artigos na declaración. Deixando de lado a cuestión nada secundaria de que aí fala dos intereses morais e materiais dos autores, e non de corporacións ou sociedades de xestión, o apartado primeiro do artigo XXVII é claro, e o artigo XIX tamén.

Desculpade a enésima digresión, pero é que cada vez que releo o apartado primeiro do artigo XXVII recordo que as corporacións farmacéuticas pleitean para defende-las patentes e escamotean os medicamentos ós máis necesitados. Sinceramente, encontro difícil manter un discurso coherente, nunha área do currículo que pretende educar ós nenos para os Direitos Humanos, cando os adultos seguimos sentados diante destas inxustizas.

P. S. (25 – X – 2007). Hai un bo resumo da situación española na páxina da campaña “Non pago di leggere”, iniciada en Italia contra o pago por préstamo nas bibliotecas: “Che cosa sta succedendo in Spagna”.

24 Outubro 2007 - Posted by | "Intellectual property", Education, Galicia, Human Rights, Italy, Literature, Politics, Spain

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s