Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Proxecto lector de centro

As continuas reformas e contrarreformas da lexislación educativa, coas súas mudanzas que na práctica se reducen a burocracia e etiquetas nominalistas, os “documentos”, “proxectos”, “comisións”, “grupos de traballo” e similares serven ás administracións para moitas cousas. Por exemplo, para simular que fan algo pola educación, para simular que os centros educativos teñen autonomía, para descargarse de responsabilidades sobre os posibles fracasos do sistema, e para alienar ó profesorado con cargas que exceden as súas competencias e formación e anular así parte da súa capacidade para a organización, a crítica e a verdadeira autonomía.

As pesadas maquinarias coas que nos dotaron as administracións empezaron a moverse desde que se publicaron a Ley Orgánica 2/2006, de 3 de mayo, de Educación (LOE; fixámonos agora nos artigos 19, 24, 26 e 113) e as principais normas que a desenvolven:

Por sorte, a educación lévana a cabo persoas, que sobrevivirán a esta reforma e mesmo aprenderán algo dela, se cadra polo método falsacionista de Popper. Os alumnos, se aprenden algo, será coma sempre gracias ás súas capacidades e ó papel mediador das familias, dos profesores e do ambiente, a pesar da institución e as súas reformas. Os que non aprendan, seguirán a padecer darwinismo social e meritocracia. Non se pode reformar sen medios.

Polo de agora temos que levar a cabo unha alfabetización dixital cunha sesión de cincuenta minutos cada quince días (aínda hai casos máis extremos, centros sen conexión a internet), e tamén un proxecto lector de centro. Hai un punto que o anexo IV do decreto galego de Primaria redacta de xeito bastante surrealista, se temos en conta que contradí outras disposicións en vigor (a isto xa estamos afeitos ultimamente):

O profesorado de todas e cada unha das áreas e materias de todos os niveis educativos, incluirá nas súas programacións as actividades previstas no proxecto segundo a temporalización que nel se acorde, determinando a dedicación real dun tempo mínimo diario para a lectura e a inclusión de prácticas de comprensión e fomento da lectura e da escritura.

Algúns enlaces para saber que fan por aí adiante en cuestión de proxecto ou plan lector de centro encontreinos aquí: Recursos per a la creació d’un pla lector de centre.

No centro onde estou agora mesmo usan, entre outros, o traballo de Luis Iza Dorronsoro “El plan de lectura en los centros de Educación Infantil y Primaria” (PDF de 2,8 MB).

P.S. (23 – I – 2008). Aínda que pareza mentira, a vontade dos mestres chega a facer que algunhas bibliotecas funcionen sen bibliotecarios… para contento das administracións, que aforran en persoal especializado e alienan a todo o persoal estabulado nas escolas. Refírome, ó falar de persoal estabulado, a dous tipos de gando: profesorado e alumnado.

Aí deixo uns enlaces sobre “bibliotecas escolares”:

P.S. (24 – I – 2008). No centro onde estou repartiron unha “Enquisa ao profesorado. Prácticas de uso da biblioteca escolar e de fomento da lectura”. Se debo fiarme do encabezado que aparece na primeira das tres páxinas, os que elaboraron a enquisa e por tanto os destinatarios da información son da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, máis en concreto da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Tamén aparece o logotipo dun ente que eu descoñecía, e estou a descubrir visitando os seus blogs “Bibliotecas Escolares de Galicia” e “Hora de ler”. Por certo, unha das páxinas de Bibliotecas Escolares de Galicia titúlase “Proxecto Lector de Centro” e ten unha interesante presentación en “diapositivas” e accesos a outros recursos.

A enquisa fala da biblioteca escolar como se nas escolas houbese un concepto claro e compartido de que é unha biblioteca e para que pode servir, como se houbese un marco normativo que regulase ese organismo e uns profesionais que estivesen a darlle vida. Na enquisa quedei cheo do “nada-pouco-bastante-moito” e por iso na última pregunta, que permitía algo máis que marcar unha opción, matei o xenio escribindo o que me pasou pola cabeza:

A biblioteca escolar debe contar con persoal adecuadamente formado e con dedicación exclusiva, ademais de persoal docente e auxiliar (ver Manifesto UNESCO-IFLA para unha proposta mínima ou o caso de Francia, cun corpo específico de bibliotecarios escolares; ou os casos doutros países da UE nos que a sé da biblioteca pública está na escola e os bibliotecarios atenden ás dúas…).

Non se pode facer alfabetización dixital sen equipos con conexión a internet, sen formación do profesorado, etc.

Non se pode impoñer un horario mínimo de lectura, como se redacta no Decreto 130/2007, sen cambiar normas de rango superior.

Non se poden cargar na xornada laboral do profesorado unhas tarefas que exceden as súas competencias e formación e que impedirían, de realizárense adecuadamente, os labores de atención ó alumnado.

No anterior incluiría algunhas das tarefas do bibliotecario escolar, dos cargos directivos e moitos aspectos que atinxen á programación e á elaboración de documentos, proxectos curriculares,… que deberían recaer en profesionais da administración, con formación especializada e dedicación exclusiva.

Por poñer un exemplo, as decisións sobre un método de lectoescritura (silábico…), un determinado algoritmo matemático, como alfabetizar con éxito en dúas linguas cuxo contacto é máis diglósico que harmónico, requiren dun traballo que debe reformularse cada día para atender á diversidade.

Se aínda ocupamos máis a xornada laboral, ou se deixamos que o traballo recaia en voluntarios (ou voluntarios forzosos por decreto), convertirémo-la escola nun hábitat de estabulación, de vida alienada, e non nun centro de investigación e capacitación para a vida en liberdade.

22 Xaneiro 2008 - Posted by | Education, Galicia, Language, Literature, Politics, Spain

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s