Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Ken Robinson fala da creatividade e do sistema educativo

Un bo amigo envioume esta graciosa e á vez profunda charla de Ken Robinson, a través da páxina de Luis Pescetti. Está en inglés pero leva subtítulos en español.

Non sei o que opinarán o fillo de Ken Robinson e a ex-moza do mesmo sobre as alusións en forma de “chiste”, pero a min parécenme fóra de lugar nun contorno académico. Ademais, a captatio benevolentiae era xa longa abondo e quedaba redonda sen elas. Quizá houbo bos viños no xantar…

En calquera caso, ninguén é perfecto e a oratoria de Ken Robinson vai pouco a pouco enfrontándonos coas contradiccións do noso sistema educativo, deseñado para seleccionar e fabricar, no millor dos casos, profesores universitarios; e botar ó lixo (agora chámanlle “mercado de traballo”, disque) a aqueles con capacidades diferentes. Un sistema que fai violencia ós nenos, horas e horas sentados, calados e facendo tarefas repetitivas que so aproveitan un recuncho do cerebro. Un sistema que probablemente diagnosticaría con TDAH a moitos xenios das ciencias e das artes como a mencionada bailarina e coréografa Gillian Lynne.

Ollo: non estou a dicir que o TDAH non exista ou que a medicación que se dá a algúns nenos non sexa beneficiosa, pero, como escribín na anotación “Michael Phelps e as etiquetas”, hai grandes corporacións farmacéuticas lucrándose co sobrediagnóstico (overdiagnosis) e coa sobreprescripción (overprescription) de fármacos psicoactivos a nenos.

Os nenos precisan, en primeiro lugar, de tempo e de atención individualizada, na casa (onde os cambios sociais llela furtan tantas veces) e na escola (unha institución alienante chea de rixideces burocráticas, cega ás motivacións vitais, curta en medios materiais e humanos).

¿Quen son os culpables? Todos temos parte de culpa, pero a responsabilidade medra segundo subimos na escada do poder, político e económico, e hoxe o capital é “transnacional” ou mesmo está en limbos xurídicos e paraísos fiscais. A maioría dos profesores que coñezo fan un traballo individual moi bo, en ocasións excelente, pero a organización é desastrosa. Eu compároo cun equipo de basket que vai xogar sen exercitarse antes. ¿Quen defende a quen? ¿Quen se pega co center do equipo contrario? ¿Xogaremos todos de forward en ataque? Logo non haberá quen suba e reparta a pelota, faga os “bloqueos” ou colla os rebotes…

P. S. Todos coñecemos exemplos de que o éxito escolar e o éxito na vida, mesmo na vida intelectual, non van necesariamente unidos. Hai miles, pero aquí xa comentei o caso dos escritores Daniel Pennac e Roald Dahl, casos perdidos para os seus profesores…

13 Abril 2009 - Posted by | ADHD, Dance, Education, Medications, Mental Health, Music, Politics, Visual arts

3 Comentarios »

  1. É que non sabemos bebeeeeer…
    A conferencia é moi contundente, e suxire moitas ideas. Boto de menos algunha orientación máis práctica, que se molle máis. Que cambiar concretamente, que prácticas abandonar, …

    Comentario por Marcos Casás | 14 Abril 2009

  2. Amigo Marcos: creo que os cambios precisos son, como no chiste, de ORGANIZACIÓN, e sen estes cambios, ou tes unha escola rural onde ti podes programar todo, ou xa te podes subir polas paredes, porque pouca marxe nos queda para flexibilizar horarios, currículos e mentalidades…

    Coordínate con quen poidas e se non podes coordinarte con ninguén máis, coordínate ti so, que xa é abondo. De cando en vez deixa que falen os nenos e aprenderemos todos máis. Nemo solus satis sapit, Bruner, Vygotsky, Ausubel e todos eses…

    Comentario por César Salgado | 14 Abril 2009

  3. Un blog moi chulo!
    Eu tamén vin a conferencia deste home, e a verdade encantoume, é moi motivador escoitar cousas así de vez en cando.
    Non creo que o humor que empregou estivera fóra de lugar, todo o contrario. Se dixese o mesmo completamente serio, tipo clase maxistral, “aquí estou eu o gran intelectual”, non creo nin que o vira ata o final. En cambio, nese ton distendido, implicou ó público no seu momento, e tamén ós que o vemos en vídeo. O humor serve moitas veces para engrandecer o discurso, e sobre todo para facelo máis real e para que empreguemos o lado esquerdo do cerebro!!, je.
    En canto ó de propostas concretas, supoño que nunha conferencia así non houbo tempo para tal, pero a min axudoume a que se me ocurriran moitas ideas para as clases.

    Comentario por Xaxa | 20 Abril 2009


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s