Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

O preservativo que propagou a SIDA

A través dunha noticia no diario madrileño El País chego a un artigo de Javier Martínez Fernández, “arcebispo de Granada” (España). O artigo defende as recentes declaracións de Joseph Ratzinger, alias “papa Bieito XVI” dicindo que o preservativo contribúe á propagación da SIDA en África. Copio un extracto do artigo, que leva por título “¡Gracias, Santo Padre!”:

[…] Lo que se silencia es el dato —perfectamente constatado— de que el uso masivo de los preservativos no ha detenido el sida en África, sino que lo ha propagado. […]

Sen dúbida, o “arcebispo” terá acceso a fontes de información do “terceiro mundo”. Ou, sen ir tan lonxe, do “cuarto mundo” de explotación sexual que vive a poucos metros de nós. Mundos onde o varón decide e a muller non… diso tamén saberá o “arcebispo”, porque tampouco hai na súa secta “arcebispas” ou “presbíteras”.

É difícil quitarlle toda a validez á argumentación do artigo, porque é típico dos demagogos mesturar verdades con mentiras. ¿Quen pode negar que o “terceiro mundo” (e o “cuarto mundo” que vive entre nós) teñen necesidades (sanitarias, económicas e sociais) gravísimas que non se atenden con preservativos? ¿Quen pode negar que son importantes a educación afectiva e sexual? ¿Quen pode negar que hai oligopolios farmacéuticos lucrándose coa precaria saúde da poboación?

Pero falar de “uso masivo” dos preservativos en África é un insulto á intelixencia. En primeiro lugar, pola carencia dunha estructura económica que permita á poboación a compra dos preservativos. En segundo lugar, pola carencia dunha infraestructura sanitaria que faga chegar preservativos a esa poboación. En terceiro lugar, porque a pobreza se ceba coas mulleres, que sofren unha terrible e cotidiana violencia sexual e NON PODEN decidir sobre o uso dos preservativos, aínda que os teñan á súa disposición.

O preservativo que propagou a SIDA en África é aquel que non puideron comprar, por falta de cartos ou dun canal de distribución adecuado, as persoas que mantiveron relacións sexuais. Non vén a conto falar de castidade ou de celibato, porque son opcións estatisticamente despreciables.

O preservativo que propagou a SIDA en África (ou nalgún prostíbulo que hai a poucos metros das nosas casas) é aquel que o varón non quixo usar porque podía impoñe-la súa vontade á persoa que utilizou como obxecto sexual.

Poñe-la carga do pecado e da culpa nas víctimas é desvia-la atención dos maiores culpables: aqueles que no “primeiro mundo” manteñen as condicións económicas, sociais, sanitarias, militares, xudiciais… que impiden a elección, en especial, ás mulleres.

Domine, labia mea aperies,
et os meum annuntiabit laudem tuam.

15 Maio 2009 - Posted by | Human Rights, Politics, Religion, Science, Spain

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s