Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Avaliación de diagnóstico 2009

Viña no Diario Oficial de Galicia deste venres pasado (29 – V – 2009) a Resolución do 18 de maio de 2009, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico nos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao ano 2009. Copio un extracto:

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación e os decretos 130/2007, do 28 de xuño e 133/2007, do 5 de xullo, polos que se establecen, respectivamente, os currículos de educación primaria e educación secundaria obrigatoria na comunidade autónoma galega, establecen que se realizará unha avaliación de diagnóstico das capacidades básicas do alumnado que cursa ensinanzas correspondentes a estas etapas, e dispoñen que será unha avaliación de carácter censual.

A consideración das competencias básicas como un elemento do currículo coloca o acento na súa consideración de elemento vertebrador entre os obxectivos, os contidos e os criterios de avaliación das distintas áreas ou materias e a aposta por unha orientación metodolóxica dirixida ao desenvolvemento de habilidades no alumnado que o capaciten para saber, ser e estar en diferentes contextos e situacións.

Neste sentido, promóvese como unha avaliación sen efectos académicos, formativa e orientadora para os centros e informativa para as familias e o conxunto da comunidade educativa. Así, a avaliación de diagnóstico adquire unha enorme importancia no sistema educativo actual, dada a súa potencialidade para converterse nun potente indicador da súa calidade.

A Orde do 16 de febreiro de 2009 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación diagnóstica na Comunidade Autónoma de Galicia establece os parámetros xerais polos que se rexerá a dita avaliación e prevé, na súa disposición derradeira segunda, que a dirección xeral competente nesta materia ditará cantas resolución sexan necesarias para a concreción dos seus elementos organizativos. […]

Desconfío profundamente da validez, incluso das intencións desta proba. Calquera que coñeza o sistema educativo sabe que os alumnos, os medios materiais e humanos, as metodoloxías… non son iguais en tódalas escolas. Hai profesores que aínda cren no traballo por proxectos, no curriculum aberto e flexible, nas competencias básicas. ¿Pode a riqueza da diversidade social e escolar traducirse nunha proba escrita estandarizada? ¿Ata que punto serán significativos os resultados?

Que alguén lle diga ó capitán que xa abonda de dar bandazos. Así non hai xeito de pescar, e perdón se o símil me sae “evanxélico” fóra de lugar, que estamos a pescar homes e non peixes…

P. S. (19 – VI – 2009). Poño un enlace co folleto informativo (PDF) sobre a avaliación de diagnóstico 2009 editado pola Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

P. S. (14 – X – 2009). Enlazo un documento en PDF publicado hoxe no portal educativo: “Instrucións da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa sobre a avaliación de diagnóstico 2009, que se celebrará o día 21 de outubro en todos os centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia que imparten cuarto curso de educación primaria e/ou segundo curso de educación secundaria obrigatoria”.

1 Xuño 2009 - Posted by | Education, Galicia, Politics

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s