Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego

Veño de asinar este manifesto, aínda que xa é un pouco vello (ten case un ano). Pode que non o asinase no seu día por non simpatizar con algúns dos promotores, pero a realidade está a superar calquera das miñas ficticias expectativas, e efectivamente desta vez si que vén o lobo…

O novo Goberno galego pasou da propaganda á acción. Primeiro anunciou a derrogación do Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo (niso podo estar de acordo, porque este decreto e a súa aplicación tiveron aspectos kafkianos), pero agora ameaza con racha-lo consenso fundamental da Lei de Normalización Lingüística (1983) e do Estatuto de Autonomía (1981).

Nota: xa asinaron máis de 23 000 persoas, cifra altísima para unha campaña galega (compárese coa da Asociación Puntogal que, en moito máis tempo, non chega a 11 000).

“Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego”

As persoas que promovemos esta chamada queremos manifestar, perante as institucións de autogoberno e como aclaración perante a sociedade galega, o seguinte:

1.- O pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia (orixinaria) sexa oficial a tódolos efectos no seu ámbito territorial. Os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu.

2.- A situación do galego está moi lonxe de ser así. Non desfrutamos de dereitos lingüísticos plenos para desenvolve-la nosa vida diaria con normalidade na nosa lingua na nosa terra. Son os falantes do galego os que resultan discriminados. É o galego o que corre perigo como idioma e os galegofalantes os que non son debidamente respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia.

3.- Por iso, resulta realmente preocupante que, desde Madrid, con apoio de importantes medios de comunicación, haxa quen pretenda convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e que os seus falantes son discriminados no noso país. Esta inversión da realidade ten como obxectivo que os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos e que os únicos deberes para as Administracións públicas se vinculen ó castelán.

4.- O verdadeiro problema non está na cooficialidade de idiomas como o galego, senón na actitude de quen nega a existencia de pobos e linguas diferentes no Estado español. Esta actitude si é a negación da convivencia e da igualdade. O proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garanti-lo dereito a vivir nesta lingua. O que cómpre é respectar a legalidade vixente (Estatuto e Lei de Normalización Lingüística) e avanzar con cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia. Xustamente a dirección contraria á proposta polos que pretenden a imposición do castelán como único idioma con dereitos e deberes para os cidadáns en todo o territorio do Estado.

5.-. Correspóndelle ó pobo galego, a través das súas institucións representantivas, defini-la política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma. Esperámo-lo compromiso das institucións de autogoberno na defensa da igualdade plena de dereitos para o galego e na aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos. Neste labor contarán sempre co noso apoio.

6.- Alertamos á sociedade galega para non se deixar confundir e instámola a cavilar sobre a verdadeira situación do galego no propio país. Defendemos un dereito humano elemental que nos define, ademais, como pobo diferenciado. Debemos ser firmes rexeitando todo posicionamento que persiga recortar dereitos ou retroceder no cativo camiño andado, tanto nas administracións públicas, como na vida social.

7 Xuño 2009 - Posted by | Galicia, Human Rights, Language, Politics, Propaganda

3 Comentarios »

  1. Moitas grazas.

    Sabes onde se pode atopar a relación dos promotores xunto co manifesto? Aquí, no EDLG, gustounos e queriamos facer uns cantos A3 coas dúas cousas para expoñer e difundilo. Ademais de facelo entre os nosos correos, claro. Eu, supoño que non metería a pata, aínda levo moi pouco neste mundo das TIC e non controlo moito, xa lle reenviei este enderezo que aparece arriba de todo da páxina a todos os correos cantos tiña.

    Tes un blog moi completo. Gústame.

    Que sigas con moitos ánimos e moitas forzas.

    Comentario por Amador Governa | 24 Marzo 2012

  2. A páxina da campaña xa non está na web da Mesa pola Normalización Lingüística. Googleando encontrei algunhas webs que recolleron no seu día os nomes dos primeiros promotores: http://www.esquerda-nacionalista.eu/dmdocuments/recollidasinaturas_manifestoconvivencia.pdfhttp://www.mistertrufa.net/galegos/?p=157http://endl-illadeons.blogspot.com.es/2009_04_01_archive.html Sinto non poder axudar doutra maneira.

    Comentario por César Salgado | 25 Marzo 2012

  3. MOITÍSIMAS GRAZAS.

    Comentario por Amador | 26 Marzo 2012


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s