Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Alorar ou lorar

Oínlle hoxe a un amigo a palabra alorar e pregunteille que significaba. El retrucou: “Dime primeiro: ¿ti sábe-lo que é unha lora?”. Respondín que non e volveu preguntar: “¿E sabes que é un xugo?” Iso si que o sabía, é o aparello que xungue a unha parella de animais (bois, vacas…) para que tiren do carro ou do arado.

Para o Dicionario Galego de Ir Indo (online), a lora (ou o loro) é unha “correa ou pau verde retorto de carballo, que vai no centro do xugo e que o suxeita á cabezalla do carro ou ao temoeiro do arado por medio da chavella”. Pero, ¿cal é a súa función? Pois o meu amigo explicoumo moi graficamente, serve para cambia-lo punto de apoio, facendo que soporte máis carga o animal máis forte. Deste xeito alorar sería distribuí-lo traballo de xeito que cada un axude segundo a súa capacidade.

Terei que investigar agora como se chaman esa peza e a súa función noutros lugares…

P. S. (19 – VI – 2009). No Gran Diccionario Xerais da Lingua (2000) aparece unha variante de alorar… Este é o segundo significado de lorar: “arrima-lo loro ou sobrexugo a unha das partes da xugada, que é a que máis pode”.

Como é habitual nas partes do carro, a lora ou loro ten moitos sinónimos, aínda que algúns non permitan o reparto que describín como alorar ou lorar: dobra, estrobo, pértego, sabexugueiro, sobrexugo…

Quizá relacionado cos posibles “conflictos” á hora de distribuí-lo traballo estea o sentido figurado de lora “persoa folgazana, galbán, lacazán, lorán, preguiceiro”. E tamén a frase feita facer loras: “non traballar ou traballar con desgana”.

P. S. (20 – VI – 2009). Tomo nota de que loro é unha forma que os nosos lexicógrafos rexeitan para designar, no uso estándar da lingua, ás aves da familia Psittacidae, remitindo á forma “papagaio” (véxase o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega).

P. S. (28 – VI – 2009). Vexo no Dicionario de dicionarios da lingua galega que o ilustre lingüísta Aníbal Otero Álvarez recolleu en dúas publicacións as formas aquí discutidas, segundo el derivadas do latín lorumalorar e lorar veñen definidas como “correr un poco en el yugo la lanza del carro o el timón del arado, saltando con el barzón uno de los castelos, para echar el mayor peso de la carga o del tiro sobre la res más fuerte de la yunta”.

16 Xuño 2009 - Posted by | Education, Folklore, Galicia, Language

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s