Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Dous blogs sobre “diversidade”

Sinalo, neste meu caderno de bitácora, que cheguei navegando a dous blogs sobre iso que agora chaman “diversidade”. A min esa palabra segue a parecerme un eufemismo e véxoa contraproducente, como calquera intento de usar unha linguaxe “politicamente correcta”. Debo recoñecer que son un ignorante en asuntos de “discapacidade” a pesar de que sempre houbo “minusválidos” na miña familia. Ó millor é so que teño que actualizarme… :-) Pasarei por alto este aspecto superficial e anecdótico, porque canto máis profundos son os problemas, máis urxente é arromba-las diferencias nominalistas, os prexuízos e as “modas” pedagóxicas de cada un, e máis hai que arrima-lo ombro; xa abonda quen poña paus na roda do carro.

Copio a presentación de Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega (TADEGa)…

TADEGa é un foro de profesionais maioritariamente galegos de distintos eidos profesionais implicados na Educación e, dun xeito especial, na Atención á Diversidade.

¿Diversidade? a discapacidade, a multiculturalidade, o mundo do maior, o mundo fondamente rural, as altas capacidades, a marxinalidade social… e todo un longo etc. que abrangue a tódalas persoas que, os que se creen normais chaman diferentes, (aínda que na realidade tal distinción é absurda e discriminatoria).

O caso é que as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) veñen sendo unha nova ferramenta á vez que medios de comunicación múltiples e, no canto de axudar á integración de todos, aínda están a incrementar a segregación de quen non poden acceder a elas.

O noso obxectivo é dobre: por unha banda romper esta fenda dixital (así é como se chama a esta inxusta situación) e, pola outra: investigar, fomentar, compartir, debater, deseñar, adaptar e propor as ferramentas, os xeitos, e os métodos para obter o mellor proveito de estas tecnoloxías dixitais nos campos educativos nos que estamos a traballar.

Este é o noso compromiso, e este traballo sempre nos terá entretidos e ocupados; a labor sempre estará inacabada; a mellora sempre é posible.

E se es un visitante alleo a estas andanzas e aventuras, non penses que porque xa hai profesionais ocupados e preocupados por estes problemas, xa quedas exento de toda responsabilidade. Todo o contrario: a responsabilidade é de todos.

Cambiamos de perspectiva radicalmente. Se o de TADEGa era un blog sobre cousas técnicas, colectivos de profesores, xornadas, TICs, Audición e Linguaxe, Pedagoxía Terapéutica, etcétera, o que vén agora é un blog que nos transporta ó outro extremo do discurso, o da experiencia humana palpable: “Hablapormidiceiago” fala dos logros cotidianos (pequenos e grandes a un tempo) dun neno con algo parecido a autismo. Leva por subtítulo “Mi hijo todavía no puede hablar, mientras tanto yo seré su voz, y tú, y tú, y tú también”.

O título “Hablapormidiceiago” e o contido do blog recórdanme un libro que lin con grande emoción: “Quiero dejar de ser un dentrodemi”, onde se recollen escritos de Birger Sellin, un autista que disque aprendeu a ler el so e que revela un nivel de pensamento e unha conciencia de si mesmo sorprendentes, expresándose ás veces de xeito moi poético. O libro publicouno en español Galaxia Gutenberg (Barcelona, 1994; ISBN: 9788481090253; título orixinal: Ich will kein Inmich mehr sein).

Graciñas por compartírde-las vosas experiencias.

22 Xullo 2009 - Posted by | Education, Galicia

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s