Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Gripe A (H1N1): protocolo de actuación nos centros educativos

Anotacións relacionadas (neste mesmo blog)…

————
Publicaron onte no portal educativo da Consellería de Educación un arquivo PDF co protocolo de actuación nos centros educativos diante da gripe A (H1N1). Copio o texto publicado onte. Tamén o pasei a formato odt (para abrir con OpenOffice.org) e fixen un PDF máis lixeiro (sen imaxes). Póñase atención á advertencia do encabezado:

PROTOCOLO DE ACTUACIÓN NOS CENTROS EDUCATIVOS – GRIPE A (H1N1)v.

Versión: 11 de setembro de 2009. Este documento pode actualizarse segundo mude a situación epidemiolóxica.

1. INTRODUCIÓN

As recomendacións incluídas nesta guía teñen a finalidade de reforzar as medidas hixiénicas que habitualmente se toman nos centros escolares e dar a coñecer as medidas de prevención e actuacións que se deben poñer en marcha fronte a gripe pandémica A (H1N1) e que tamén son de utilidade respecto doutras enfermidades infecciosas. O seu obxectivo é limitar a transmisión do virus entre os integrantes da comunidade educativa.

Segundo indicacións do Ministerio de Sanidade e Política Social, todo neno en idade escolar pode e debe ir ao colexio ou instituto, salvo nos casos en que padeza a enfermidade da gripe A ou exista a sospeita de estar afectado por esta. Igualmente, o Ministerio de Educación, seguindo as recomendacións do Ministerio de Sanidade, indica que os centros deben permanecer abertos co fin de asegurar que o alumnado que asiste á clase realice actividades educativas proveitosas.

Esta afirmación é igualmente aplicable ao profesorado e ao persoal non docente que traballe no centro educativo. Tamén o é para o colectivo de pais e nais á hora de ir ao colexio, levar e/ou recoller un neno ou á hora de asistir a calquera evento ou consulta.

O Ministerio de Sanidade comunica así mesmo que, nestes momentos, non é recomendable un peche dos centros escolares nin atrasar o inicio do curso escolar por mor do novo virus da gripe, xa que os inconvenientes para a sociedade dunha medida deste tipo superarían sobradamente as posibles vantaxes, debido a que a escola é un servizo público e, como tal, debe permanecer ao servizo da comunidade.

Segundo as pautas establecidas polo Ministerio de Sanidade, serán as autoridades sanitarias competentes, en función da situación epidemiolóxica, as que deberán avaliar un posible peche puntual dun centro por un período concreto de tempo como consecuencia da aparición dun brote de gripe A, co obxecto de diminuír a extensión da infección, sempre que consideren que esta medida sexa realmente efectiva.

Os centros educativos deberán estar atentos ás actuacións e informacións que transmitan as autoridades sanitarias e educativas con respecto aos plans de preparación fronte á pandemia; así mesmo, deberán colaborar con elas. Este contacto permitiralles aos centros educativos dispor dunha información útil para facerlle fronte ao posible impacto da pandemia de gripe na súa comunidade educativa e establecer plans e pautas de actuación en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Así mesmo, nos centros escolares estableceranse uns procedementos e criterios de vixilancia sobre o absentismo escolar que permitan unha comunicación rápida e oportuna de posibles brotes de gripe A cos servizos de saúde, o que lles permitirá a estes unha rápida valoración do posible impacto epidemiolóxico e social das medidas que cómpre adoptar.

Para poder realizar una avaliación inmediata do absentismo escolar, habilitarase en cada centro un programa informático co fin de recoller diariamente as ausencias que se produzan.

Para cumprir estes obxectivos, o centro debe levar a cabo as seguintes actuacións:

  • a) Levar un control diario do absentismo: para isto, os titores ou profesores na primeira hora de clase da xornada escolar determinarán a ausencia de alumnado na súa aula e comunicaranllo á persoa responsable do centro para o control e seguimento da gripe A.
  • b) Esta persoa introducirá no programa informático habilitado para o efecto todas as ausencias que se produzan no centro.
  • c) Ao longo da xornada escolar terase un seguimento do número de alumnado que está ausente, así como do que presente síntomas de padecer a gripe.
  • d) A propia configuración deste programa informático, que estará controlado por técnicos da Consellería de Sanidade, permitirá establecer as actuacións adecuadas no caso de que se excedan determinados niveis de absentismo, podendo deste xeito adoptar as medidas pertinentes ante a posibilidade de que o centro escolar teña un brote epidémico.Os niveis de absentismo predeterminados son os seguintes:
    • 15% de absentismo causado pola gripe A en todo o centro.
    • 20% de absentismo causado pola gripe A nunha aula concreta.

    De todas formas, chegados a estes niveis ou sempre que o centro considere que se dan circunstancias anómalas de absentismo, os propios centros poden contactar coas seccións de epidemioloxía da súa provincia (ver epígrafe 4 do protocolo).

    Aconséllase seguir as medidas recollidas neste protocolo para reducir a difusión da enfermidade entre o alumnado e o persoal e buscar consello médico, cando a situación o precise.

  • e) Recoméndase que se eviten as alarmas innecesarias e, en todo caso, se actúe segundo as indicacións das autoridades sanitarias.

2. MEDIDAS XERAIS PARA IMPLANTAR POLOS CENTROS

Os equipos directivos, para un mellor seguimento, control e prevención da gripe A, no seu centro escolar deberán facer cumprir, en todo caso, as seguintes medidas:

  • a) O centro educativo nomeará un responsable da pandemia da gripe A, que preferentemente deberá ser un membro do equipo directivo, e comunicaralle o seu nomeamento á Inspección Educativa do centro.
  • b) Cada equipo directivo, en función das características do propio centro e da súa estrutura, deberá establecer uns procedementos de información e divulgación dos protocolos de actuación, das medidas de prevención establecidas, así como de toda aquela información precisa, para que esta chegue da forma máis áxil posible a todos os membros da comunidade educativa.
  • c) O responsable da pandemia asegurarase de que todas as persoas do centro coñecen o plan de actuación ante un posible caso de gripe.
    • Así mesmo, establecerá e difundirá os programas e os materiais coa información básica sobre a pandemia (tales como os signos e síntomas da gripe e as formas de contaxio), así como as medidas de prevención e control tanto para individuos como para familias (que inclúan a hixiene das mans, cubrirse ao tusir e esbirrar, os plans de continxencia, etcétera).
    • O responsable da pandemia no centro debe ter estudada a xestión dos protocolos, así como a súa reforma segundo a situación do momento, onde están colocados, etcétera.
    • Ofreceralles información sobre as páxinas web, teléfonos de consulta, etcétera, dos servizos de saúde da Consellería de Sanidade aos membros da comunidade escolar.
  • d) O centro actualizará, ao inicio do curso, os datos de contacto telefónico (móbil, fixo) ou correo electrónico dos pais do alumnado, do profesorado e do persoal do centro para que, no caso de que sexa necesario, se poida axilizar a comunicación con todos eles.
  • e) O persoal do centro deberá prestarlle atención á saúde do alumnado e demais persoal, xa que as características da infección por gripe A son moi semellantes ás que presenta a gripe estacional.
  • f) Garantirase a subministración dos materiais de limpeza tanto para a hixiene persoal do persoal do centro, como para a do propio centro escolar.
  • g) Solicitarase a colaboración dos pais para que, no caso de que os seus fillos estean afectados de gripe, llo comuniquen ao centro e permanezan na casa.

3. NORMAS XERAIS DE PREVENCIÓN

3.1. Medidas de prevención da gripe nos centros escolares.

Recoméndase que na comunidade escolar se expliquen, se traballen e se reforcen co alumnado as seguintes medidas, e de forma especial co alumnado de menor idade.

3.1.1. Medidas persoais.

  • Cubrir a boca e o nariz ao tusir e esbirrar con panos de papel e tiralos ao lixo e, se se pode, despois lavar as mans.
  • Se non se teñen panos de papel, tusir e esbirrar sobre a manga da camisa para evitar a contaminación das mans.
  • Lavar as mans frecuentemente con xabón (durante 15-20 segundos) e, sobre todo, despois de tusir ou esbirrar. Recoméndase que os rapaces laven as mans como mínimo antes e despois das horas de lecer, antes e despois do servizo de comedor e antes de entrar nas aulas de informática por seren compartidos os ordenadores).
  • Evitar tocar, na medida do posible, coas mans, os ollos, o nariz ou a boca.
  • Non compartir obxectos persoais, de hixiene ou aseo (vasos, toallas, etcétera).
  • Non chupar o material escolar, xoguetes ou calquera obxecto propio nin alleo.
  • Hai que prestarlle unha máxima atención a que non se produza un intercambio de vasos, cubertos e panos de mesa entre o alumnado do centro escolar.

Na poboación infantil hai que incidir de forma especial no lavado exhaustivo e frecuente das mans, así como no uso de panos de papel desbotables.

IMPORTANTE: Todas estas recomendacións deben serlle COMUNICADAS ao alumnado e deben ser REFORZADAS nas distintas oportunidades que presenta o currículo escolar; sobre todo nos niveis educativos iniciais, como é a educación infantil e a educación primaria.

3.1.2. Medidas de limpeza nos centros escolares ante a gripe A.

Os centros deben intensificar as medidas de hixiene no alumnado e no persoal do centro escolar: profesorado, monitores, persoal de servizos ou de limpeza… así como no recinto escolar.

Por este motivo, os centros deben extremar os bos hábitos de hixiene nas súas dependencias, facendo especial énfase en:

  • Ventilar diariamente as aulas, os despachos, as salas de reunións, os comedores, aseos e todas as dependencias do edificio escolar. Abriranse as fiestras, en todo caso, antes de empezar e despois de rematar as clases.
  • Deberá realizarse unha limpeza a fondo dos diferentes espazos: baños, cociñas, etcétera, xa que os virus poden depositarse en todo tipo de superficies.
  • Deberase limpar con máis frecuencia os espazos dos centros de educación especial, as aulas e todas aquelas dependencias onde estean persoas con factores de risco.
  • As superficies limparanse con máis frecuencia, poñendo especial atención nas de contacto frecuente (interruptores, tiradores das portas, teléfonos, xoguetes, teclados e ratos de ordenador, timbres, etcétera), mobiliario docente (mesas e cadeiras) e aqueles obxectos de uso común (vaixela, mesados, aseos, pomos, varandas, equipamento deportivo…) onde o virus pode permanecer de horas a días. Por iso, é importante limpar máis frecuentemente estas superficies cos produtos de limpeza habituais.
  • Recoméndase que a limpeza se faga en húmido para evitar levantar po, e aspirar en lugar de varrer.
  • Recoméndase non ter alfombras, nin tapetes para o chan, a non ser que se extreme neles a súa limpeza. No caso de que xa existan débense aspirar en lugar de sacudir.
  • Recoméndase o uso de guantes para realizar a limpeza e lavalos con frecuencia para evitar a dispersión de microorganismos dun cuarto ou estancia a outro.
  • Os guantes empregados para limpar os cuartos con persoas enfermas deberán retirarse antes de pasar a outro.
  • O uso de guantes non exime do lavado de mans.
  • O proceso de lavado da roupa de cama ou toallas empregadas polo paciente non require ningunha particularidade, agás que non se debe sacudir en ningún momento.
  • Os centros educativos deberan pór á disposición do alumnado, profesorado e demais persoal, así como das persoas que poidan visitalo, suficiente material para o control da infección (como produtos para a hixiene das mans, panos desbotables e papeleiras para tiralos).
  • Así mesmo, deberán dispoñer de solucións hidroalcohólicas, sempre que o lavado de mans sexa impracticable, que deberán situar nun determinado lugar do centro xunto coas oportunas indicacións de utilización.

No lavado de utensilios, roupas e na eliminación de residuos deben seguirse as seguintes recomendacións:

  • Deben limparse ben, tal como se fai de xeito habitual, os utensilios de comida (vaixela, cubertos, vasos, etcétera) utilizados polo alumnado e persoal do centro. Non é necesario no seu lavado utilizar guantes de goma estériles.
  • O material que se utiliza nas cociñas para a elaboración das comidas debe lavarse na forma que se realiza habitualmente: con auga quente e co xabón ou deterxente habitual.
  • Se no centro escolar se lava a roupa das camas, sabas, cobrecolchóns, etcétera, debe evitarse sacudir a roupa antes de lavala e debe lavarse cos deterxentes habituais. Non é necesario utilizar guantes de goma estériles. Pódese secar a roupa en tendais, ao aire libre ou nunha máquina secadora.

Deberá pedírselles a colaboración aos empregados da limpeza para que extremen o seu cometido.

Autobús escolar. No caso dos centros que contan con transporte escolar, pediranlles ás empresas de transporte que cumpran, en todo caso, as seguintes medidas hixiénicas (tamén no caso de que se utilicen autobuses para a realización de actividades extraescolares como excursións, etcétera:

  • Limpeza con auga e deterxente das superficies interiores, como son os pomos das portas, as varandas, etcétera
  • Ter dispoñibles no autobús panos de papel desbotables e un caldeiro ou papeleira (preferentemente que se accione co pé e teña bolsa de plástico no seu interior) e xel hidroalcohólico.
  • Ventilar o autobús e, en todo caso, sempre ao principio e ao final de cada traxecto.

Material de hixiene persoal.

É imprescindible que o centro teña dispoñibilidade do seguinte material de hixiene persoal:

  • Xabón e xeles para a hixiene do persoal (se son precisos): lavar as mans, etcétera.
  • Toallas de papel desbotables, no caso de que non se dispoña de secadores de aire.
  • Panos desbotables.
  • Papel hixiénico.
  • Cubos con tapa e con apertura a pedal.
  • Bolsas do lixo de plástico.

Material para a limpeza do centro.

Deberase asegurar a reserva dos seguintes materiais de limpeza das instalacións:

  • Xabón ou deterxente normal.
  • Guantes de limpeza.
  • Lixivia.
  • Produtos habituais de limpeza.

3.2. Pautas que se deben seguir no suposto de que algún membro da comunidade educativa presente síntomas de gripe A.

3.2.1. Síntomas da gripe.

Febre alta (38º ou máis) de inicio agudo, acompañada por algún ou varios dos seguintes síntomas: respiratorios (tose, mucosidade nasal, dificultade respiratoria), dor de cabeza, de garganta, dores musculares, irritabilidade (en nenos pequenos) e malestar xeral. Ás veces tamén poden presentarse diarrea e vómitos.

Todos estes síntomas son orientativos, a non presenza dalgún deles non implica que non exista infección.

3.2.2. Actuacións ante un posible caso de gripe no centro escolar.

Ante a presenza dun posible caso de gripe A no centro escolar, deberán seguirse as seguintes pautas de actuación:

  • Non administrarlle Aspirina (ácido acetilsalicílico) ao alumnado.
  • Situar a persoa afectada, alumno ou persoal do centro escolar, nun cuarto, aula, etcétera, habilitado para o efecto. Deberá ser coidada por unha persoa adulta do centro. Esta persoa non debe ser unha muller embarazada nin unha persoa con factores de risco. Esta persoa debe manterse polo menos a un metro da persoa afectada, sempre que non necesite axuda. Cando deixe de atendelo, lavará as mans.
  • Unha vez que quede libre este espazo, procederase á súa limpeza de forma meticulosa, atendendo ás instrucións que, sobre a limpeza de espazos, mobles e demais útiles, se indican neste protocolo, así como á súa ventilación.
  • Nos centros residenciais ou nos centros onde exista réxime de residencia, o alumnado que presente síntomas de padecer a gripe, e mentres non sexa levado á súa casa polos seus pais, permanecerá no seu cuarto, se é individual, e permanecerá nel ata 24 horas despois de que cese a febre unha vez que deixe o tratamento antitérmico, agás que estea a tomar o tratamento antiviral ou sexa alumno de infantil ou primaria, xa que nestos casos permanecerá ata 24 horas de que rematen os síntomas, sempre que pasasen 7 días, no caso de que non poida volver á súa vivenda habitual.
  • Se nestes centros ou residencias existe máis dun alumno afectado pola gripe, na institución pode facerse o illamento dos enfermos por grupos, para o que haberá que ter destinados uns espazos no edificio, onde se poidan situar as persoas enfermas de gripe. Haberá que deixar un espazo de, polo menos, un metro entre as camas.
  • O profesorado ou persoal do centro que estivese en contacto próximo ou atendese unha persoa con síntomas de padecer a gripe deberá lavar as mans con auga e xabón ou facer unha antisepsia de mans con solucións hidroalcohólicas.
  • Se a persoa afectada é un alumno, chamaranse telefonicamente os seus pais para que veñan recollelo.

No caso de que a persoa presente síntomas de gravidade (ver epígrafe 4 do protocolo) deberase chamar ao 061. Unha vez avisado o 061, será o persoal sanitario quen deberá realizar a valoración clínica oportuna e establecer as instrucións e as pautas que hai que seguir.

3.2.3. Recomendacións sobre como proceder nos centros docentes ante casos particulares.

3.2.3.1. Persoa sen síntomas.

Todo membro da comunidade escolar que non presente ningún dos síntomas mencionados con anterioridade, xa sexa do profesorado, do colectivo de persoal non docente, do alumnado ou do colectivo de nais e pais, asistirá ao centro con total normalidade.

3.2.3.2. Persoa con síntomas.

  • Se inicia síntomas no centro, seguiranse as medidas previstas para os centros na epígrafe 3.2.3, “Actuacións ante un posible caso de gripe no centro escolar”.
  • Se inicia fóra do centro os síntomas, debe quedar na casa.

En ambos os dous casos o tempo de reincorporación ao centro será ata 24 h despois de que cese a febre, unha vez deixa o tratamento antitérmico.

Os nenos ou persoal dos centros que estean tomando tratamento antiviral deben quedar na casa ata 24 h despois de que cesen os síntomas e sempre que pasasen 7 días. Estas mesmas indicacións deben seguilas todos os nenos e profesores ata educación primaria incluída e tamén as persoas que estean a traballar en centros onde o alumnado sexan persoas que nun número elevado poden presentar factores de risco.

3.2.4. Pautas de actuación para pais e nais de alumnos ante a gripe.

O equipo directivo deberá facerlles chegar esta información aos pais e ás nais que teñen fillos escolarizados no centro escolar polas canles que considere máis axeitadas.

Deberá recomendarlles, así mesmo, que vixíen os seus fillos e, se observan que presentan algún síntoma da gripe, que non asistan ao centro nin a zonas de aglomeración ou ocio e que contacten cos centros sanitarios, de consideralo preciso, e sempre cando teñan factores de risco ou síntomas de gravidade.

Farase especial énfase nas medidas de prevención que deseguido se relacionan:

  • Extremar o coidado da hixiene persoal, lavando frecuentemente as mans con auga e xabón.
  • Non compartir alimentos, vasos, garfos, etcétera.
  • Cubrir o nariz e a boca ao tusir e ao esbirrar cun pano; esbirrar sobre o ángulo interno do cóbado. Tirar o pano desbotable nunha bolsa de plástico. Se non se ten un pano, esbirrar sobre a manga da camisa para non contaminar as mans.
  • Evitar tocar os ollos, o nariz ou a boca.
  • Prestarlle atención á saúde, sobre todo se presenta algún dos síntomas que caracterizan a gripe A: febre, tose, mucosidade nasal, dificultade respiratoria, dor de cabeza, dores musculares, malestar xeral, etcétera.
  • Quedar na casa cando se estea enfermo e consultar co seu pediatra, se é preciso, o tratamento que cómpre seguir.
  • Practicar bos hábitos de hixiene. Débese ventilar diariamente a casa, os cuartos e os espazos comúns; limpar as superficies e os obxectos de uso común cos produtos de limpeza habituais (baños, manubrios, pomos, teléfonos, xoguetes, etcétera).
  • Colaborar coas autoridades sanitarias e cos servizos de saúde pública.

4. DATOS DE INTERESE E TELÉFONOS DE CONSULTA

4.1. Persoas consideradas con factores de risco.

(Segundo información subministrada polo Ministerio de Sanidade e Política Social).

  • As mulleres embarazadas, especialmente no segundo e terceiro trimestre.
  • Persoas con enfermidades cardiovasculares crónicas (excluíndo a hipertensión).
  • Persoas con enfermidades respiratorias crónicas (que inclúe displasia broncopulmonar e fibrose quística e asma moderada grave persistente).
  • Persoas con diabete mellitus tipo I e tipo II con tratamento farmacolóxico.
  • Persoas con insuficiencia renal moderada ou grave.
  • Persoas con enfermidades do sangue, como hemoglobinopatías ou anemias moderadas ou graves.
  • Persoas con asplenia (sen bazo).
  • Persoas con enfermidade hepática crónica avanzada.
  • Persoas con enfermidade neuromuscular grave.
  • Adultos e nenos que teñen inmunosupresión (incluída a orixinada polo VIH, fármacos ou receptores de transplantes).
  • Persoas con obesidade mórbida (persoas cun índice de masa corporal superior a 40).
  • Nenos e adolescentes (menores de 18 anos) que reciben Aspirina a longo prazo e que poderían estar en risco de experimentar a síndrome de Reye, logo da infección polo virus da gripe.

4.2. Signos e síntomas de gravidade.

Nos nenos pequenos:

  • Respiración rápida ou dificultade para respirar.
  • Cor gris azulada da pel.
  • Non beber suficientes líquidos.
  • Non interactuar.
  • Estar moi irritable.

Nos nenos maiores e adultos:

  • Dificultade para respirar ou dor no peito.
  • Cor púrpura ou azul dos beizos.
  • Ter vómitos e non poder reter os líquidos e ter signos de deshidratación (tales como mareos ao estar de pé), ausencia de micción.
  • Ter convulsións.

4.3. Páxinas web de referencia.

4.4. Teléfonos de contacto.

4.4.1. Consellería de Educación.

Para calquera dúbida que teñan os centros sobre a gripe e sobre como actuar ante determinados casos concretos o teléfono de referencia é: 881 999 200.

4.4.2. Consellería de Sanidade.

Urxencias Sanitarias: 061.
Consultas: 902 400 116.
Seccións de Epidemioloxía: 981 155 835 (A Coruña), 982 292 114 (Lugo), 988 066 339 (Ourense), 986 885 872 (Pontevedra).

————
P. S. (22 – IX – 2009). O portal educativo publicou onte outro PDF titulado “Información Xeral sobre a GRIPE A”. Tamén chegaron hoxe ó meu centro uns trípticos informativos co título “O que tes que saber sobre a gripe A está na túa man” (ver tríptico en PDF). Viña ademais un folleto con instruccións (moi detalladas e explicadas con debuxos) para lava-las mans: ver imaxes “lavado de mans con auga e xabón” e “hixiene de mans con solucións hidroalcohólicas”.

12 Setembro 2009 - Posted by | "Intellectual property", Education, Galicia, Politics, Propaganda

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s