Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Arcadio López-Casanova: “Biografía” (1967)

Theodor Wiesengrund Adorno foi un filósofo (e sociólogo, musicólogo, esteta…) dos máis importantes do século XX. Unha cita súa moi difundida, aínda que frecuentemente sacada fóra de contexto, viña dicir que “escribir poesía despois de Auschwitz era un acto de barbarie”. Esta frase foi tan malinterpretada que o propio Adorno declarou anos máis tarde: “O sufrimento ten tanto direito de expresarse como o torturado de berrar, por iso puido ser un erro dicir aquilo”.

Repito o consello de Ronseltz, o poema é unha pedrada na cabeza. Por iso lles recomendamos aos leitores que usen casco. Hoxe quen me lanza a pedrada é Arcadio López-Casanova: “Biografía”, publicado no 1967 dentro do poemario “Palabra de honor”. Respectei a morfoloxía e a ortografía da edición orixinal:

No principio dixéronme: “abre os ollos”,
—cánto mellor o telos ben pechados—;
¿Había luz…? Non sei… Ai, ónde, ónde,
si era todo velar no desamparo!

Dixéronme endespóis que abrira a boca,
non me fora ir pró fondo do deshaucio;
porque vivir había que vivir
e, sábese, ser home costa caro.

Sumáronme tamén axiña ó Coro,
—de entonar era tempo tristes ánxelus—;
¡Recitemos o “ad petendam mortem…”!
Ai, poetas de altar, qué foi do canto.

Logo por aquil tempo decretouse:
“neno, oposita a home de contado;
artigo dous: prohibida está a pureza
i o corazón non ter bombardeado”.
(Cubrín entón a instancia e rubriqueina
e na aula entrei vencido e xa sen azos).

O esamen foi sinxelo, eiquí trascribo
o testo: “bomba, sangue, descalabro,
paz, trinta e nove, España…” (Hai nista liña
sin descifrar un longo garabato).

Sigue máis: “cinza, tulipán, escombro,
noxo, Deus, noite, cárcere, coidado”;
pergunta: averiguar —regla de tres—
que cantidá de espranza fica en alto.

Entregáronme ó fin un mapamundi,
“poña os seus apellidos, nome e anos;
marque Hiroshima, Congo e máis Vietnam…”
(Nota: con sangue fágase o traballo).

De remate colleron i engadiron,
—non estaba no uso—, un caso práitico:
diapositiva tres, tema: “Dachau”.
Ten un segundo soio pra espricalo.

Conta final: repetidor de curso,
fallei, parez, sobre de todo en pranto
i endemáis en conduta, asegún dín,
por escribir “pureza” no enceirado.

Dende aquil intre estou contra a parede,
nunha esquina da clase asesiñado.

Notas

[v. 10] “Ánxelus” refírese á tradición católica de recordar tres veces ó día a encarnación de Xesús Cristo anunciada por un anxo a María: Angelus Domini nuntiavit Mariae

[v. 11] “Ad petendam mortem” é un xogo de palabras que toma como base as oracións “ad petendam pluviam”, coas que se pedía a Deus (cos santos e a “virxe” polo medio) que chovese.

[v. 21] “Trinta e nove” (1939), fin da guerra civil española, foi o “ano da victoria” e principio da “paz” para o bando franquista.

[v. 29a] Os ataques con bombas nucleares sobre Hiroshima e Nagasaki perpetrados polo exército dos Estados Unidos están entre os crimes de guerra máis espantosos: a) tiñan como obxectivo a poboación civil, entre a que deixaron máis de douscentos mil mortos; b) eran innecesarios para a victoria; c) a forza destructiva das novas armas orixinou a carreira de armamentos máis perigosa da Historia.

[v. 29b] Non o teño claro, pero supoño que se refire ó Congo Belga, logo denominado Zaire e hoxe República Democrática do Congo. Cando se publicou o poema este territorio vivía o principio da dictadura de Mobutu Sésé Seko, que se impuxo nun conflicto multilateral onde os recursos naturais e a importancia xeoestratéxica fixeron intervir, a modo de proxy war, ás dúas superpotencias da guerra fría.

[v. 29c] As atrocidades cometidas polos Estados Unidos na guerra de Vietnam (unha proxy war que afectaría tamén a Camboxa e Laos) son exemplos de crimes de guerra a grande escala e de propaganda para manipular á opinión pública.

[v. 33] Dachau foi un campo de concentración nazi moi coñecido, entre outros motivos porque estiveron nel Martin Niemöller e outros presos de elite e porque os “aliados” que o liberaron fixeron sobre el documentais de grande impacto na opinión pública occidental.

20 Setembro 2009 - Posted by | Galicia, History, Human Rights, Literature, Philosophy, Poetry, Propaganda

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s