Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

“Pedimos a dimisión do Conselleiro de Cultura” (Manuel Rivas et al.)

Coñezo a través de chuza! unha carta aberta publicada hoxe no Xornal de Galicia, baixo o título “Pedimos a dimisión do Conselleiro de Cultura”. Copio o seu contido a continuación:

O señor conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia vén de facer pública, e non por primeira vez, unha análise da cultura galega temeraria e negativa. Antes xa nos ten ofrecido a súa opinión de que “a cultura galega limita”, unha descualificación da nosa mesma identidade colectiva. Deberemos deixar de ter cultura propia, deixar de sermos galegos para non estar “limitados”? Como pode protexer e traballar a prol da nosa cultura quen se expresa con ese fondo complexo de inferioridade identitario? Non pode. Agora precisou máis o diagnóstico, a cultura galega está “ensimesmada e acomplexada”, expresión claramente ofensiva para os creadores e xestores da cultura de Galicia. Pero que, ademais, indica un descoñecemento claro do estado da nosa cultura, tanto no que atinxe ás obras como ao tecido industrial que as sustenta.

Os abaixo asinantes, autores de obras escritas todas elas en lingua galega que foron merecedoras do premio nacional de literatura nas súas distintas modalidades (narrativa, literatura dramática, literatura infantil e xuvenil, tradución e ensaio), consideramos que isto, coma as outras moitas distincións e consideracións que as obras da nosa cultura veñen tendo en toda España e fóra das fronteiras do Estado, negan a insultante e despectiva cualificación do señor Conselleiro.

Estamos verdadeiramente asombrados e fartos de que o conselleiro de cultura do goberno galego desprece sistematicamente a cultura galega, como un auténtico “bombeiro pirómano”.

Consecuentemente, para que desapareza esta pasmosa anomalía, pedimos a dimisión ou cese inmediato de don Roberto Varela como Conselleiro de Cultura do goberno de Galicia, dado que o seu escaso coñecemento e falta de consideración cara a cultura galega veñen evidenciar a nula idoneidade para o posto que ocupa. El ha ser máis feliz lonxe de todos nós, “limitados”, “ensimesmados” e “acomplexados”, e todos nós recuperaremos unha situación que teña un mínimo de cordura.

Os termos empregados son duros, e un conselleiro que merece estes comentarios, asinados por intelectuais tan importantes, non duraría moito nun país civilizado. Pero este país caracterízase pola diglosia e o auto-odio, é cego diante do patrimonio inmaterial e suicídase un pouco cada día. Os actuais gobernantes aínda han dicir, na intimidade, cousas como a que Millán-Astray dixera a Unamuno, “muera la intelectualidad traidora”…

P. S. Apoiaron este texto a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). Ver anotación de apoio no blog da AELG (28 – I – 2010).

P. S. Segundo recolle A Nosa Terra, o conselleiro respondeu con outra carta; pero, como o texto non aparece, non está claro que dixo exactamente. Ver noticia “Varela dálles unha explicación aos premios nacionais” (1 – II – 2010).

25 Xaneiro 2010 - Posted by | Education, Galicia, History, Literature, Politics, Spain

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s