Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Imanol Dorca: “Egunkaria libre!”

Coincido en case todo, así que copio e pego o artigo de Imanol Dorca, aparecido hoxe en altermundo.org: “Egunkaria libre!”

Sete anos despois do peche do xornal, por fin saíu a sentenza do caso Egunkaria e, como non podía ser doutro xeito, os acusados foron absoltos. Cinco persoas (e outras cinco máis imputadas na vertente económica do caso) comezan ver a luz do final deste pesadelo. Digo comezan ver porque aínda haberá que agardar aos posibeis recursos e aínda falta resolver o sumario económico do caso. Outras non tiveron a sorte de vivir o día de alegría compartida de hoxe, porque morreron encausadas e coas súas contas embargadas tras admirabeis vidas de entrega á lingua dos seus devanceiros.

Tras coñecer o contido da sentenza absolutoria, unha chea de sentimentos amoréanse na miña cabeza: alegría, carraxe, sorpresa.

Sinto alegría, ledicia porque, como dicía, hai cinco persoas con cinco familias, con centos de amigos e miles de persoas detrás, que viviron os derradeiros sete anos coa espada de Damocles sobre a súa cabeza e a partires de hoxe, poderán vivir un pouco máis tranquilamente sen agardar que en calquera momento poidan petar na súa porta os mesmos que xa os levaran á cadea hai sete anos. Joan Mari Torrealdai, Txema Auzmendi, Xabier Oleaga, Iñaki Uria e Martxelo Otamendi foron durante sete anos verdadeiros exemplos de dignidade perante a inxustiza e merecen o recoñecemento, cariño e admiración que xa están a recibir.

Sinto carraxe porque a sentenza non é que veña tarde, é que baixo nengún concepto se debería ter chegado a este punto. Carraxe porque mataron un xornal que non volverá (aínda que ten en Berria un digno sucesor), porque unha vez máis a tortura ficará impune, porque foi un ataque calculado dentro da estratexia do “todo é ETA” que axudaron a crear xentes coma os hoxe enemigos Mayor Oreja e Garzón. E sinto carraxe porque sei que haberá quen diga que o “estado de dereito funciona e ten os seus mecanismos correctores”. Ben sei que da ultra dereita española (en todas as súas vertentes) non se pode agardar outra cousa máis que teimar na falsedade, mais algúns dos que dirán este tipo de cousas son voceiros dun goberno autonómico de dubidosa lexitimidade democrática, outros, membros da pseudo-progresía española e outros, medios de comunicación que raramente foron quen de alzar a súa voz en sete anos. Algúns non esqueceremos o vergoñento tratamento do caso dos sempre corporativistas grandes medios de masas.

E sinto sorpresa porque, se ben non vía posíbel outra saída ao caso máis que a absolución, a sentenza é absolutamente demoledora nalgúns aspectos. Aínda máis demoledora vindo de onde vén. Non só dá a razón á defensa no desmontamento de todas as acusacións, senón que se pode entrever a denuncia de certas prácticas “chapuceiras” da acusación, coma o feito de que axentes da garda civil foran ao mesmo tempo designados como testemuñas e peritos ao mesmo tempo.

Sorprende tamén o tratamento dado á medida de pechar o xornal:

“El cierre provisional o temporal de Euskaldunon-Egunkaria no tenía habilitación constitucional directa y carecía de norma legal especial y expresa que la autorizara. El artículo 129 del Código Penal pudiera ser una cobertura incierta e insuficiente porque un periódico diario no admite ser considerado como una empresa cualquiera.”

E digo eu… aquí non hai prevaricación? Claro que, non son aspectos do franquismo os que se tenta investigar, senón o peche dun simple xornal en éuscaro…

Mais velaí o máis sorprendente: por vez primeira na Audiencia Nacional dáselle verosimilitude á práctica de torturas.

“En la valoración de las declaraciones de los procesados tiene especial relevancia que las denuncias de estos sobre malos tratos y torturas sufridos durante la detención incomunicada –que fueron relatadas con detalle en la vista oral y antes ante el instructor y objeto de denuncia en los tribunales- son compatibles con lo expuesto en los informes médico-forenses emitidos tras ser reconocidos en el centro de detención.”

A onde nos levará isto? A ningures, por suposto… mais unha sentenza que asume que se puxeron en cuestión os dereitos de liberdade de prensa e expresión, e a presenza de torturas nos interrogatorios… non pon no ar a propia democracia española? Algúns dicímolo dende hai tempo.

Cornelius Tacitus (Historiae, I, 1) escribiu “Rara temporum felicitate ubi sentire quae velis et quae sentias dicere licet”, algo así como “Raros son os tempos felices nos que podes pensar o que queres e dicir o que pensas”… :-/

12 Abril 2010 - Posted by | Human Rights, Politics, Spain

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s