Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

A privacidade en Facebook e no mundo real

Eu estou en Facebook. Non me sinto especialmente orgulloso nin especialmente avergoñado, para min Facebook é so unha ferramenta a través da cal estou en contacto con amigos e grupos, compartindo informacións e comentarios. Eu quedo. Non marcho nin quero que marche ninguén, pero hai que saber onde se mete un; “el que avisa, no es traidor”…

Escribo esta nota porque algunhas persoas teñen reservas fundadas (e outras persoas teñen manías ou conspiranoias) relativas á arbitraria, cambiante e en ocasións abusiva “política de privacidade” de Facebook e doutros servizos orientados ás “redes sociais”. Aquí hai unha visualización para entendelo rapidamente. Un informático que marcha deixa esta reflexión: “Farewell, Facebook”.

Outros fan detalladas exposicións de motivos: “Top Ten Reasons You Should Quit Facebook” (o vídeo-parodia non é tan exaxerado como parece) ou “13 Ways Facebook Ruins Your Relationship”. Isto último é bastante real. Desde que estou en Facebook a miña esposa ordenoume quitar todas as fotografías dela e do noso fillo da internet (non so de Facebook) e comezou a mostrarse celosa polos meus “contactos”…

As empresas que ofrecen servizos orientados ás redes sociais, como Facebook, explotan as necesidades afectivas e de relación dos seres humanos. Podemos falar incluso dunha “politoxicomanía social” entre tanto e-mail, blogs, YouTube, Facebook, etcétera. Hai pouco lin isto na mensaxe dun amigo: “Se estou dous días sen aparecer polo Facebook, vingade a miña morte!”… :-)

A privacidade ou intimidade xa entrou no Direito Internacional a través da Declaración Universal dos Direitos Humanos (artigo 12, repetido despois no Pacto Internacional dos Direitos Civís e Políticos, artigo 17), e España ten a súa Lei Orgánica de Protección de Datos de Carácter Persoal e a súa Axencia Española de Protección de Datos. Pero por diante das leis van sempre as tecnoloxías e os usos que fan desas tecnoloxías os Gobernos, as corporacións e os delincuentes (non sei se percibides unha subtil superposición de campos semánticos).

Se usas un teléfono móbil podes estar moito máis localizado do que pensas. Sen ter en conta que hai videocámaras neses teléfonos, nas rúas e comercios das cidades, no coche do Google Street View e nas nosas computadoras. Se te conectas a internet, ademais de que podes ter un troiano a espiarte por algunha porta traseira do sistema operativo, tes un enderezo IP e deixas pegadas por todas partes, a través das cookies, por exemplo.

Hai cousas que si son responsabilidade de Facebook, como recordan a Electronic Frontier Foundation no artigo “Six Things You Need to Know About Facebook Connections” ou a noticia “New Facebook Social Features Secretly Add Apps to Your Profile”.

Pero, se un non sabe onde fai clic, pode ser víctima do phishing, e aí, non toda a culpa é de Facebook (paráfrase das palabras “non toda a culpa é de Microsoft” que lin nun artigo do experto en seguridade informática Harry Waldron). Eis unha ilustrativa noticia: “Facebook Accounts Selling In Bundles”.

To be continued…

6 Maio 2010 - Posted by | Human Rights, Politics

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s