Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Galicia: denuncian censura de revista escolar por viñeta sobre política lingüística

Estes días souben no Facebook da polémica actuación dun director, o do CEIP de Randufe (Tui), que retirou dun taboleiro unha revista escolar despois de que un pai protestase. O motivo da retirada parece ser unha viñeta sobre a política lingüística do actual Goberno, presidido por Alberto Núñez Feijóo. A viñeta, que pode verse máis abaixo, aparecera orixinalmente na revista Retranca, e fai un xogo de palabras co apelido do presidente (feixón en inglés é bean), aproveitando os personaxes televisivos Frijolito e Mr. Bean, e que o papel do inglés no “decreto do plurilingüismo” parece unha broma…

Concedo que as disputas políticas dos adultos deben respectar a “liberdade de conciencia” no sentido de evitar calquera manipulación partidaria dos alumnos (pero entón habería outras moitas manipulacións que denunciar), e sei que os cargos directivos están sometidos a presións cada día, así que, sen coñecer os detalles do caso, son reticente a acusar ao director de “censura”. Creo que unha das claves da súa actuación pode estar neste escrito da inspección educativa (PDF de 1,74 MB), asinado por José Antonio Fraga Boullosa (ex delegado provincial da Consellería de Educación), onde se ameaza con expedientes disciplinarios. De haber un “censor”, estaría no nivel da Inspección (e de aí para arriba), aínda que sempre pode haber en niveis inferiores persoas con “exceso de celo”…

¿Para que serve esta polémica? Para que se difunda unha boa viñeta (facer clic para ver máis grande):

Anotacións relacionadas (sen saír do meu blog):

2 Xuño 2010 - Posted by | Education, Galicia, Human Rights, Humour, Language, Politics, Visual arts

2 Comentarios »

  1. A retirado do boletín é decisión do director. Deixoche o enlace a unha resolución do 19 de maio da Xunta de Persoal de Pontevedra que rexeita a retirada. O escrito do inspector é posterior e responde a outro do director. Vese ben clariño que a iniciativa da censura parte do director.

    Comentario por Lorena | 4 Xuño 2010

  2. Graciñas polo comentario. Eu non digo que comparta ou que xustifique a actuación do director, pero podería “comprendela” se coñecese detalles que non me aporta o escrito da Xunta de Persoal (a reacción da cal si comparto, cumpren coa súa obriga de representación sindical).

    Porque a valoración ética dun acto concreto non se esgota nese acto, na “thin description”. Precisa dunha “thick description”, dunha contextualización cultural. Por iso no Direito Penal hai delictos e faltas, asasinatos e homicidios, agravantes e atenuantes.

    Igual que non é “asasina” toda persoa que mata a alguén, non é “censora” toda persoa que practique un acto que poidamos percibir como censura.

    Aínda que o director actúe so e sen consultar a ninguén, debemos ter en conta a permanente ameaza que pesa sobre os funcionarios públicos deste nivel, que se demostra na mención que o inspector fai a “faltas graves” e “expedientes disciplinarios”.

    Os seres humanos somos moi complicados: autoodio, autocensura, exceso de celo, egoísmo, altruísmo, heroísmo, covardía… Por iso ás veces para entendérmonos cómpre empatía (poñerse no pelexo do outro). E eu, neste momento, sen coñecer máis detalles, chamaría “censor” ao inspector pero non ao director.

    Comentario por César Salgado | 5 Xuño 2010


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s