Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Proxecto Abalar: denuncian mentiras dos responsables políticos e piden un novo reparto de portátiles

“Os directores esixen á Xunta que desminta as ‘trolas’ sobre o Abalar” (Xornal de Galicia, 5 – VI – 2010)

Critican que os técnicos de formación de profesorado da Consellería “enganasen” aos funcionarios do ensino.

A mensaxe da Consellería de Educación ante as críticas recibidas polo reparto de ordenadores entre os centros públicos (case o 24% do total) e os concertados (38%) foi clara. Amparábanse en que un dos requisitos que demandaba o Ministerio para o proxecto de dixitalización das aulas Escola 2.0 era que se cubrisen un 75% dos colexios de titularidade autonómica e un 25% dos subvencionados, algo que non se específica en ningunha das convocatorias publicadas no Boletín Oficial do Estado (BOE) que fan referencia ao programa. “Os responsables destas mentiras deben pedir desculpas aos funcionarios aos que enganaron”, aseguraba onte a Asociación de Equipos Directivos da Coruña nun comunicado.

Nesta provincia é onde se deron os maiores agravios comparativos entre os colexios que axudan a sufragar os pais e os públicos, especialmente na capital, onde recibirán portátiles 11 concertados fronte a 1 público. O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Diego Calvo Pouso, argumentou que se debía a formación do profesorado e a adaptación dos centros. Por iso, o colectivo de directores repróchalle que “descoñeza a realidade” das aulas que dependen da Administración, que teñen un profesorado “motivado e preparado”.

Aseguran que a Xunta de Galicia foi estendendo “trolas” polas institucións educativas, poñéndoas en boca dos propios asesores SIEGA, os técnicos encargados da implantación do Proxecto Abalar en 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO, e dos encargados da formación do profesorado. “A trola de que había que incluír aos privados foise estendendo polos públicos; todo era extraoficial e ninguén podía dicir de onde saíra”, critican. Porén, nin o BOE número 76, do 29 de marzo de 2010, nin o BOE número 188, do 5 de agosto de 2009 –nos que se detallan as condicións do programa Escola 2.0–, recollen esta obriga.

“Débese reiniciar todo o proceso con transparencia”, potenciando o ensino público e os centros máis próximos á fenda dixital, esixen.

“O PSdeG pide que se repita o reparto de portátiles” (Xornal de Galicia, 6 – VI – 2010)

O voceiro de Educación do Grupo Parlamentario do PSdeG, Guillermo Meijón, denunciou onte a “discriminación intolerable” das escolas públicas no proceso de selección realizado pola Xunta de Galicia para o programa Abalar de implantación de novas tecnoloxías, polo que reclamou a súa repetición.

Meijón evidenciou, nun comunicado, a “discriminación intolerable” da repartición, xa que, segundo asegurou, nas oito grandes cidades, foron beneficiarios 43 centros concertados fronte a so 11 públicos. Por iso, acusou ao Goberno autonómico de “apostar de forma descarada pola privatización”.

Nesta dirección, os socialistas galegos defenderán, no pleno desta semana, unha proposición non de lei para que o Executivo galego “discrimine positivamente” aos colexios e institutos “máis necesitados e non aos privados, como fixo agora”. “Ao favorecer ao 80% de centros privados fronte ao 20% de públicos”, Meijón considerou que a Xunta de Galicia leva á “perversión” o Programa Escola 2.0, ao que se acolle o Abalar. A acción en que se inscribe, iniciativa do Goberno central, busca “ser compensatorio das desigualdades sociais e territoriais”, advertiu.

Ademais, o deputado socialista reprochou aos mandatarios galegos “mentir” respecto ao convenio asinado coa Administración central, que “non contempla en ningún extremo” a primacía dos centros privados, xa que aínda que se refire a colexios e institutos financiados con fondos públicos, e os concertados contan con subvencións da Administración, en ningún momento diferencia o cupo a cubrir cunha porcentaxe de 25% e 75%, como aseguraron varios voceiros da Consellería de Educación.

Así mesmo, “mentres o director xeral, José Luis Mira, dicía que era proporcional; o delegado de A Coruña, Diego Calvo Pouso, aseguraba que escolleron centros concertados por estar máis preparados e interesados”, engadiu Meijón.

Anotacións relacionadas (sen saír do meu blog)…

7 Xuño 2010 - Posted by | Education, Galicia, Human Rights, Politics

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s