Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Guillermo Meijón (PSdeG) fala da “perversión” do proxecto ABALAR

Traio hoxe dous artigos do blog “Escola de ferrado”. O autor é Guillermo Meijón Couselo, portavoz para asuntos de Educación do Grupo Parlamentario Socialista no Parlamento de Galicia. Atención aos datos nos colexios urbanos (nas 7 cidades) de Galicia: computadoras pagadas cos cartos de todos para 42 centros privados e 11 públicos… :-(

“Proxecto ABALAR vs. Escuela 2.0 (I).- a perversión de Núñez Feijóo” (17 – VII – 2010)

Como a maioría sabedes, no Ministerio de Educación (MEC) naceu Escuela 2.0 como un programa que pretende, nun dos seus eixos estratéxicos, dotar de recursos TICs (Tecnoloxías da Información e Comunicación) aos alumnos e aos centros educativos: ordenadores portátiles para alumnos e profesores e aulas dixitais con dotación eficaz estandarizada. Un programa que se oferta a todas as CCAA para que asinen, se así o queren, un convenio no que cada unha das partes aporta o 50% no desenvolvemento do programa.

Con Escuela 2.0, o MEC pretende, entre outros obxectivos, apostar “pola calidade do sistema educativo e tamén pola igualdade porque para un de cada tres alumnos nos últimos cursos de primaria, a escola é a única garantía de acceso ás tecnoloxías da información e da comunicación. O Goberno é consciente de que a penetración das novas tecnoloxías require dun apoio especial a determinadas zonas, como as área rurais, insulares ou lugares con baixa conectividade”.

A Xunta de Galicia asinaba o pasado 23 de decembro de 2009 o convenio co MEC para desenvolver na nosa comunidade o citado programa. O desenvolvemento en Galicia de Escuela 2.0 tomaba corpo a través do Proxecto ABALAR, fórmula coa que a Xunta trataba, como valor engadido, de ocultar a participación do MEC.

A partir de aí, nacía a perversión que Núñez Feijóo, actual Presidente da Xunta de Galicia, e Jesús Vázquez, actual Conselleiro de Educación, tiñan agochada para este programa (e, por certo, para tantos outros).

Porque, o obxectivo do MEC de apostar pola igualdade, de tratar dende a escola de compensar as diferencias de acceso ás TICs tivo en Galicia unha tradución moi particular.

Unha perversión da que todos fumos conscientes cando advertimos as fórmulas torticeiras coas que se procedía á suposta elección dos centros que participan na primeira fase do programa. Porque para Núñez Feijóo e para Jesús Vázquez, a política compensatoria no acceso ás TICs significou en centros de Primaria un escandaloso e intolerable reparto a prol da privada concertada.

Permitideme unha pequena, pero significativa escolma da selección de centros de Educación Primaria nalgunha das nosas vilas:

Municipio Privados Públicos
Vigo 13 1
A Coruña 10 1
Ourense 4 4
Lugo 5 1
Santiago 4 3
Pontevedra 1 1
Ferrol 5 0
Vilagarcía 1 0
Oleiros 1 0
Culleredo 3 1
Marín 1 0
Cangas 2 1
Ponteareas 1 0

Máis concellos onde unicamente se lle concedeu a un centro privado e a ningún público: Sanxenxo – Noia – Sarria – Bueu – Santa Comba – A Guarda – Caldas – Foz – Silleda – Soutomaior – Fisterra – A Rúa.

Feijóo e Vázquez pretenden confundir indicando que temos que ver o conxunto do reparto e así pretenden que teñamos en conta que, sumando ao reparto os centros de secundaria, a proporción público-privada corresponderíase coa realidade numérica das redes actuais de centros. Pero non enganan a ninguén.

A selección dos centros de Educación Primaria é fundamental xa que establece un valor engadido que sen dúbida pesará na decisión de moitos pais e nais á hora de matricular aos seus fillos nun ou noutro centro. Valor engadido que, sen ningún pudor, cae do lado da rede privada concertada.

Por outro lado, e non menos importante, a escola debe ter necesariamente un papel compensatorio. Non se trata de porcentaxes de centros dunha ou doutra rede de centros. Trátase de compensar desigualdades. Un sistema educativo de excelencia debe conxugar calidade con equidade. Porque, como todos sabemos, calidade sen equidade ten un nome ben distinto: elitismo.

Para os que queiran afondar máis, deixo estes enlaces:

Convenio MEC-Xunta de Galicia.- http://www.boe.es/boe/dias/2010/03/29/pdfs/BOE-A-2010-5176.pdf

MEC – Presentación Programa Escuela 2.0.- http://www.educacion.es/horizontales/prensa/notas/2009/09/escuela2p0.htmlProf

Escuela 2.0: moito máis que un portátil por alumno. Entrevista a Eva Almunia.- http://www.tecnologiayeducacion.com/articulos/pdf/002almunia.pdf

Proxecto ABALAR.- http://www.edu.xunta.es/web/node/577

“Proxecto ABALAR vs. Escuela 2.0 (II).- de como Feijóo e Vázquez deixaron de investir 2 millóns de euros” (18 – VII – 2010)

Sabiades que Feijóo e Vázquez renunciaron a 2 millóns de euros no Proxecto ABALAR?

Sabiades que o MEC tivo que reducir en 1 millón de euros a súa aportación para Galicia porque Feijóo e Vázquez así llo pediron?

Non estamos a falar de cuestións opinativas. Estamos a falar de datos facilmente contrastables. Basta con recorrer ao Boletín Oficial del Estado (BOE) para atopar o seguinte:

BOE do 5/08/09: Nel podemos observar que a aportación que o MEC tiña previsto conceder a Galicia era exactamente de 5 701 300 euros.

BOE do 29/03/10: No que se recolle o texto do convenio entre o MEC e a Xunta de Galicia do 23/12/09. Aquí vemos que a cantidade aportada polo MEC quedou reducida finalmente a 4 000 000 de euros.

Cal foi a razón desta redución? Moi fácil: Núñez Feijóo e Jesús Vázquez.

Como ben sabedes, e así o expliquei no anterior artigo sobre este mesmo tema, este programa desenvólvese a través de convenios entre o MEC e as CCAA nas que cada unha das partes aportan o 50% da cantidade total. Pois ben, como Feijóo e Vázquez non quixeron aportar máis de 4 millóns de euros, o MEC tivo que reducir a súa cantidade inicialmente prevista para Galicia en máis de 1 millón de euros. Loxicamente o MEC non podía ter con Galicia un comportamento distinto que co resto das CCAA.

E así pasou o que pasou. Dun programa que podía contar -en números redondos- cunha suma de 10 millóns de euros (5 millóns do MEC + 5 millóns da Xunta), quedamos cun programa que finalmente contou con 8 millóns de euros (4 millóns do MEC + 4 millóns da Xunta).

Non está de máis recordar que a Consellería de Jesús Vázquez deixou sen executar no ano 2009 máis de 60 millóns de euros.

Ou tamén apuntar que Núñez Feijóo e Jesús Vázquez non tiveron problemas para atopar cartos para: o cambio de imaxe das escolas de 0-3 anos (as galiñas azuis), para facer os inservibles inquéritos sobre a lingua galega, para a promoción do novo e imposto decreto de galego (1 millón de euros), perto de 400 millóns de euros de sobrecusto na adxudicación da autovía da Costa da Morte, 4 millóns para actividades paralelas á visita papal aínda sen explicar ou 10 millóns de euros en libros de texto que é preciso tirar ao lixo e substituílos cando aínda tiñan vixencia. Por non falar das cadeiras para a biblioteca do Gaiás (máis de 500 euros cada unha), dos 10 millóns de euros gastados en adquirir por leasing ou renting arredor de 500 novos vehículos, etc., etc.

18 Xullo 2010 - Posted by | Education, Galicia, Politics, Spain

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s