Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Atmosfera, óboe, parasito et al.

Quero facer unha lista (que irei completando pouco a pouco) con palabras do galego que cambian de posición a sílaba tónica se as comparamos coas formas equivalentes de uso común no español (lingua tamén coñecida como castelán). Estas palabras, case todas cultismos, preséntanse nalgúns libros de texto como obstáculos que fan aborrecida e odiosa a aprendizaxe. Sorpréndennos por estarmos inmersos na diglosia e por ignorarmos os usos do noso parente máis próximo, o portugués; escusado é falar das etimoloxías.

Non inclúo aquelas palabras nas cales o único distinto é que se marca un hiato (haxa ditongo ou hiato nas formas equivalentes do español): construír, diúrno, gratuíto, Luís, miúdo, raíña, ruína, xuíz… Tampouco as formas verbais paradigmáticas: andabamos, andaramos, andariamos… (ver Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego).

Fontes principais: a) para o galego, Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGa); b) para o portugués, Dicionário Priberam da Língua Portuguesa (DPLP); c) para o español, Diccionario de la lengua española (DRAE).

  • acne (igual no portugués; no español é acné)
  • aerólito (igual no portugués; no español é aerolito)
  • aeróstato (igual no portugués; forma admitida no español, xunto con aerostato)
  • alvéolo (igual no portugués; forma admitida no español, xunto con alveolo)
  • amálgama (igual no portugués; no español é amalgama)
  • anódino (igual no portugués; no español é anodino)
  • argon (no portugués é árgon; no español é argón)
  • atmosfera (igual no portugués; forma admitida no español, xunto con atmósfera)
  • auréola (igual no portugués; no español é aureola)
  • bronquíolo (igual no portugués; forma admitida no español, xunto con bronquiolo)
  • ciclope (igual no portugués; no español é cíclope)
  • conclave (igual no portugués; no español é cónclave)
  • cripton (no portugués é crípton; no español, parece que o DRAE cambiou recentemente, porque a entrada criptón remite a kriptón)
  • diocese (igual no portugués; no español é diócesis)
  • elite (igual no portugués; forma admitida no español, xunto con élite)
  • heroe (no portugués é herói; no español é héroe)
  • isóbara (igual no portugués; forma admitida no español, xunto con isobara)
  • medula (no portugués é medula; no español admiten ambas acentuacións)
  • métopa (igual no portugués; forma admitida no español, xunto con metopa
  • mísil (no portugués é míssil; no español admiten ambas acentuacións)
  • neon (no portugués é néon ou neónio; no español é neón)
  • óboe (no portugués é oboé; no español é oboe)
  • parasito (no portugués é parasito ou parasita; no español é parásito)
  • paxaro (no portugués é pássaro; no español é pájaro)
  • pelicano (igual no portugués; forma admitida no español, xunto con pelícano)
  • petróglifo (igual no portugués; no español é petroglifo)
  • réptil (no portugués e no español admiten, ademais, reptil)
  • rubéola (igual no portugués; forma admitida no español, xunto con rubeola)
  • sonar (igual no portugués; no español é sónar)
  • taxon [ks] (igual no portugués; forma admitida no español, xunto con taxón)
  • téxtil (no portugués é têxtil; no español é textil)
  • traquea (no portugués é traqueia; no español é tráquea)
  • tríglifo (igual no portugués; forma admitida no español, xunto con triglifo)
  • xenon (no portugués é xénon, xenónio ou xénio; no español é xenón)

Continuará… :-)

6 Outubro 2010 - Posted by | Education, Galicia, Language

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s