Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Galicia gasta 5,5 millóns en licenzas de Microsoft

Última actualización: 11 – XI – 2010

A noticia publícana hoxe varios medios de comunicación. Copio o texto que aparece no Xornal de Galicia:

“O Goberno gasta 4,7 millóns no maior lote de licenzas de Microsoft da súa historia”

O Goberno galego non so renovará licenzas que xa funcionaban, senón que mercará máis de 500 novas.

Mercedes Cernadas

A Xunta volve botar por terra a súa promesa de apostar polo software libre na Administración. Un dos obxectivos de Alberto Núñez Feijóo en campaña era potenciar os programas informáticos que poden xestionarse de modo gratuíto, en consonancia co seu discurso de austeridade. Porén, o Goberno galego publicou onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio para contratar o maior lote de licenzas de Microsoft da historia da Xunta da que hai constancia. A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que depende directamente de Feijóo, investirá 4,7 millóns de euros (catro millóns máis IVE) en máis de 38 000 licenzas con cobertura ata maio de 2013, das que 556 serán novas.

Os programas, que chegan a ter un custo individual de ata máis de 6 000 euros anuais por renovalos e ata máis de 13 000 euros se son novos, estárán destinados a organismos de todo o Goberno autonómico, como as consellerías de Medio Ambiente, Economía, Cultura, Traballo ou Mar, Portos de Galicia, o IGAPE, a Secretaría Xeral de Emigración ou o SERGAS. Só no caso da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica chegará financiamentos de fondos europeos, que a Xunta decide gastar en software de pago. O resto do financiamento será co propio orzamento das entidades do Goberno autonómico.

Ademais, segundo consta no prego de condicións do contrato, no que se especifican un por un os nomes dos produtos que só poden proceder de Microsoft, as licenzas serán pagadas nun prazo de tres anos a partir deste, no que a Xunta dará medio millón de euros, aumentará en 2011 e aboará a maior contía, máis de dous millóns, no ano 2012.

Como exemplo, o Goberno galego gastará máis dun millón de euros nunhas 8 000 licenzas de Windows e [Microsoft] Office, que poderían aforrarse empregando as alternativas libres como Ubuntu e OpenOffice, que serían gratuítas e que cada vez están a ser utilizadas por máis administracións públicas. Os programas de Microsoft non se adquiren para sempre, senón que son licenzas que se pagan co dereito a usar esas aplicacións durante un tempo, e ao cabo desa etapa é preciso pagar de novo pola súa aplicación.

A tramitación é urxente e a empresa adxudicataria terá un prazo de quince días para entregar os produtos desde a formalización do contrato. As propostas deben chegar antes do día 30 deste mes. No propio contrato, a Xunta pacta os prezos das licenzas comprometéndose xa a mercar un mínimo de novos produtos antes de 2013 ademais dos que adquirirá neste lote.

Desde a CIG-Autonómica criticaron onte que “con esta macro-adxudicación, o PP incumpre a promesa de implantar o software libre na Xunta, e en lugar de substituír os programas fechados polas alternativas libres equivalentes no mercado, non só renova licenzas, senón que mesmo acomete a compra de centos doutras novas”.

A CIG destaca, por outra banda, outro dato que revela o prego de cáusulas técnicas, o feito de que “persiste a dispersión de servidores nos distintos departamentos da Xunta, o que revela que outro dos obxectivos fixados polo Goberno de Feijóo, unificar a informática da Xunta nun único departamento, tampouco se está a cumprir polos responsables tecnolóxicos do PP, incapaces de facelo”.

O sindicato lamenta que a Xunta deberá pagar no futuro “novamente polos mesmos programas, cando sexan desactivados ao rematar o prazo contratado, para evitar que isto provoque a paralización dos servizos que deles dependen, como xa ten sucedido”. A CIG ve un “despilfarro” a decisión do Goberno autonómico e ínstao a seguir o exemplo “doutras administracións públicas tanto autonómicas como estatais, que dese modo poden adicar eses cartos a investimentos produtivos”.

O EXEMPLO DAS EMPRESAS

No referente a software libre, Galicia é a comunidade española cunha maior proporción de empresas que instalan e desenvolven estes programas, por riba de autonomías moito máis avanzadas no uso de novas tecnoloxías como Madrid, Cataluña e o País Vasco, segundo revela o III Libro Branco del Software Libre. A implantación destas tecnoloxías nas pequenas e medianas empresas é dun 8,2% de media, frente a un 7,8% do conxunto do Estado.

Por outra banda, as administracións locais tamén se van sumando. A comezos deste ano, o 32% dos concellos galegos xa se decantaran por sistemas de software libre como fórmula para rebaixar o gasto informático pero sen ter que reducir os servizos ao cidadán.

Actualización (11 – XI – 2010). Usarei a fraseoloxía enxebre: “outra vaca no millo”. A cifra que hai no título da anotación ascendería agora a [4,7 + 0,8] 5,5 millóns. A fonte volve ser o Xornal de Galicia

Modernización gasta 800 000 euros máis en licenzas de software privado

O BNG ve unha mostra de “cosmopaletismo neocón” seguir a pagar ás “grandes multinacionais”.

Un gasto total de 808 152,5 euros en 15 848 licenzas de software privado, isto é, da renovación por dous anos do permiso de uso de diferentes programas informáticos por parte das empresas que os producen. É o gasto que, segundo o reflectido no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) do pasado día 5, vén de adxudicar a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, departamento que coordina todas as accións da Xunta en materia informática con dependencia directa do presidente.

Despois de que, tal e como adiantou Xornal de Galicia, o pasado outubro esta mesma secretaría iniciase os trámites da maior adxudicación de programas privados para a empresa Microsoft por 4,7 millóns malia existiren numerosas alternativas de software libre –tratábase de, por exemplo, aplicacións como procesadores de textos–, desta volta Modernización adxudica o seu “software de base” ou, o que é o mesmo, mantén con programas privados o sistema informático no que basea o seu funcionamento cotián e o de varias consellerías do Goberno.

Atendendo ao prego de condicións técnicas deste contrato, elaborado pola Xunta o pasado marzo, a Secretaría de Modernización renova, por exemplo, programas informáticos para “a xestión de transaccións”, software para xestionar “bases de datos (…), correo electrónico e xestión de proxectos” e mesmo “software de seguridade”, coa renovación de 6 000 licenzas de antivirus da empresa Symantec, malia existir un bo número de alternativas de software libre para manter a seguridade informática.

Con esta contratación –na que, malia tratarse do departamento tecnolóxico da Xunta, as empresas tiveron que presentar as súas ofertas tamén en papel–, a Secretaría de Modernización pecha a porta a que as bases informáticas da Xunta pasen a ser xestionadas con software libre. Deste xeito, o Goberno galego mantén unha tendencia iniciada apenas dous meses despois da súa toma de posesión, ratificando unha adxudicación sen publicidade a Microsoft iniciada pola Consellería de Presidencia do bipartito.

Non obstante, fontes da Secretaría Xeral consultadas por este diario aseguraban onte que a renovación destes programas, “que se veñen empregando dende hai anos” na Administración autonómica resulta “imprescindible” para o correcto funcionamento dun sistema no que “unha parte” funciona “sobre software libre” e outra sobre os produtos que agora son renovados.

RUEDA ELUDE RESPONDER

Este novo contrato de software privado chegou onte ao Parlamento da man da voceira do BNG en materia de novas tecnoloxías, Ana Luisa Bouza que, nunha pregunta ao conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, considerou esta adxudicación unha mostra de que “as declaracións de apoio ao software libre” realizadas polo PPdeG dende a campaña electoral do 1-M non son máis ca “mentira en estado puro”.

Para Bouza, a Xunta volve demostrar que a súa “verdade revelada” pasa por que “o privado é mellor có público”, especialmente no caso das multinacionais, o que, di, fai que a súa “acción de Goberno” sexa sinónimo de “cosmopaletismo neocón”. Neste escenario, Rueda eludiu valorar a nova adxudicación e, na súa resposta, limitouse a salientar o “aforro” do Executivo nesta área, así como a defender o “despregamento serio” do software.

19 Outubro 2010 - Posted by | Galicia, Politics, Software

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s