Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Xosé Neira Vilas: “Querido Tomás”

Xosé Neira Vilas, nacido no 1928, aínda escribe, e traballa na súa Fundación. Este texto seu é para min un clásico. Eu so tiña oito anos cando se publicou, pero tiven a rara sorte de dispoñer desde neno de libros galegos, primeiro na biblioteca do meu avó Manuel, e logo na Biblioteca Pública do Estado, que daquela compartía edificio co Arquivo do Reino de Galicia. Meu avó tiña un afecto desmedido, enfermizo, polos libros, os mapas e outros documentos, doenza que eu herdei, e poucas veces emprestaba un libro, dicía que nós non apreciabamos abondo o seu valor. Quizá non lle faltase razón. O caso é que onde os puiden ler foi na mencionada biblioteca pública. Se algún día me condenan e vou ao cárcere por algún “delicto contra o sistema”, delatarei a esa biblioteca como un dos principais inductores do meu pensamento… :-)

O texto é o principio da novela Querido Tomás (Ediciós do Castro, 1980; ISBN: 9788474920505). Como é habitual neste autor, o texto ten un galego moi rico e un ritmo fermosísimo. A min paréceme un bo exemplo diso que algúns chaman “prosa poética”, así que me tomei a licenza de transcribilo como se fosen versos. Algúns destes versos son octosílabos como os das cántigas populares, heptasílabos, hendecasílabos como os dun soneto… Outros son case alexandrinos, cos seus hemistiquios e a súa cesura!

Agora vexo ben o azul de alá endiante,
onde o río dá a volta darredor do penedo.
Vexo como se espalla ese rachón de ceo,
esa guichola cinguida polas nubes viaxeiras.

Tantos anos aquí, nesta aldea mortiza,
dando por ollado e sabido canto hai,
hastra que caio na conta de que nada conozo.
Todo é vello e novo ó mesmo tempo.
Todo está e non está.
E eu ando a beliscarme pra saber de min,
pra ter a seguranza de que son e de que estou.

Dende que se me deu por traguer
as miñas cavilacións aquí,
á orela da ponte,
véxolle un novo anchor ó mundo
e avivecen en min,
en mestura de anduriña e toupa,
uns degaros tolos de fuxir
e un sono de pedra vella,
que se afunde maina e silandeira
no miolo da terra.

O río sigue no seu,
coma fai catro ou cinco ou cen mil anos.
Sigue rolando, moendo o tempo
e luíndo pelouros con feroce teimosía;
badúa, ruxe, agurgulla en escumas,
fura nas raiceiras, e eu vexo nel a vida,
o alento de cada hora
dándolle feitío á eternidade,
e síntome cativa no arrimo desta orela,
destas pedras carricentas
postas polo xenio andeiro dos romanos.

[…]

Deus (clementísimo, misericordiosísimo) bendiga aos que crean e comparten a beleza e a verdade…

1 Outubro 2011 - Posted by | Education, Galicia, Language, Literature, Poetry

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s