Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Daniel López Muñoz: palabras e comenencias (dobre discurso e dobre moral na propaganda política)

Copio, desde o blog da Asociación Irimia, un artigo que publica esta semana un dos meus irimegos preferidos, Daniel López Muñoz. O artigo leva por título “Palabras e comenencias: Adiviña que adiviñarás… Quen dixo tal meu rapás?”:

Pois iso, xoguemos ás adiviñas. Estas palabras de máis abaixo son de alguén. Tal cal. (Limitámonos a traducilas do universal ao indíxena). E versan desta guisa:

“Nós defendemos que esta reforma laboral é un fracaso anticipado e anunciado. Polas formas e polo fondo. Pola forma: porque despois de dous anos traen hoxe este texto, sen diálogo social, e sen acordo político. Non convenceron nin aos traballadores, nin aos emprendedores, nin aos expertos, nin aos sindicatos, que lles convocaron unha folga xeral… hoxe danlle a puntilla ao diálogo social. O decreto do goberno non está formulado para contratar, senón para despedir, e o que necesita España non é facilitar o despedimento, non é fomentar a saída, senón fomentar a contratación… Tanto se empeñaron en demostrar aos de fóra que eran quen de tomar decisións dolorosas, que esqueceron o importante: que esas decisións han de ser eficaces e xustas… Seguen insistindo no despedimento e despedir debería ser o último recurso, pero para vostedes é, neste decreto-lei, o único.”

Son palabras de Rubalcaba?. Mereser, meresían, pero non. Son de Jorquera?… Frío. Son de Suso Seixo?… frío, frío. Son de Toxo, o de Comisións? Nada, frío tamén. Son do presidente da Conferencia Episcopal? Tup!, vaites, vaites!

Pois nada, que nin por aproximación. A cita é de… Chatachán!!!!! … Super… Soraya!!! A cuestión é, xaora, que as palabras son da anterior lexislatura, é dicir, cando os papeis estaban cambiados. E falaba na cámara baixa da reforma laboral dos socialistas, ben máis tímida que a actual. Así, a peito aberto, botando por ela. Nin máis nin menos, cun par de melendríns.

É por estas cousas, polas que a credibilidade de toda esta xentiña está baixo mínimos. Pero non porque pensen isto ou aquilo, non porque sexan da banda de babor ou da de estribor, que cada quen ten que ser como é, e manterse un pouco. Non é por iso, non, senón porque non teñen palabra, consistencia, solidez. Son varas verdes, pura comenencia. Que si, que xa sabemos, que son as regras de xogo, pero que cousa fea de regras ten este xogo!

Interesantes tamén estas palabras de María Dolores de Cospedal (cando aínda estaba na oposición)…

21 Marzo 2012 - Posted by | Human Rights, Politics, Propaganda, Spain

2 Comentarios »

  1. Graciñas pola ligazón e difusión.

    Comentario por Manolo | 21 Marzo 2012

  2. Boísimo! Que morro. Ver para crer.

    Comentario por Xiana GF | 4 Abril 2012


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s