Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

“Gallaecia petrea”: ¡que cara é a nada! (artigo de J. C. Bermejo Barrera)

Como expresa cousas que sinto, millor do que eu podería facelo, copio o artigo titulado «Gallaecia petrea»: ¡que cara é a nada!, publicado hoxe en La Voz de Galicia e escrito polo profesor José Carlos Bermejo Barrera:

Cóllase unha montaña natural, fágaselle un corte, e constrúase outra nova artificial, de tal xeito que, para que pareza natural, estea recuberta de pedra. A pedra pode extraerse do mesmo lugar, toda ou parte, ou sexa de Galicia, ou importarse para aforrar dun país irmán na lusofonía: Brasil. Fáganse uns grandes contedores baleiros, obra dun arquitecto cosmopolita, violando todas as normas da eficiencia enerxética e da ecoloxía, pois terán que ser quentados ou refrixerados continuamente. Consígase ademais que podan elevarse en calquera lugar: Catar, Finlandia ou o deserto de Gobi, pois non haberá neles nada que os poida identificar con Galicia excepto as pedras, unhas pedras cuxo valor construtivo pasará a ser recoñecido a partir de agora no mundo enteiro grazas a Peter Eisenman, segundo di el mesmo. Como Eisenman é un teórico posmoderno, cre que os edificios son estruturas que non serven para nada concreto; na linguaxe de arquitectos como el fálase por exemplo de «solucións habitacionais», que poden oscilar entre unha cabana, o palacio de Versalles ou as chabolas dunha favela brasileira, que tamén deben ser irmáns na lusofonía.

Nun contedor baleiro e sen función, póñase unha exposición sobre algo tan concreto como a pedra, a mesma pedra que cobre o edificio oco que agora no seu interior terá vida propia. Acode á exposición o noso presidente, que a inaugura dicindo que os galegos temos «un rostro pétreo», aínda que algúns teñan a cara máis pétrea ca outros. Tamén di que Celso Emilio escribiu Longa noite de pedra, o que deberá entenderse a partir de agora no senso de que se a noite, ademais de ser de pedra, foi moi longa, entón terá moito máis valor.

Cando entramos no edificio, decatámonos de que ou non foi concibido como museo, ou foi mal concibido. Os inmensos espazos baleiros en branco inmaculado dan a sensación de que nada pode habitar organicamente nel. A exposición carece globalmente de sentido histórico, histórico-artístico ou estético. Como se pensou partindo da idea abstracta de pedra, vale calquera pedra de calquera tipo, sexa polo seu valor mineralóxico, construtivo, decorativo ou todos eles á vez.

A secuencia cronolóxica que se ofrece non ten valor, pois non se explica que clases de obxectos corresponden a cada época e por que. Se son armas, ferramentas, lápidas funerarias, aras votivas ou estatuas xacentes. Todo serve se sabemos apreciar a idea do valor en si mesmo da pedra pura. Se non, non se entende nada. Hai unha ausencia total de persoas históricas concretas, de Galicia e dos galegos, como é lóxico seguindo a doutrina de Eisenman. Nada se di dos canteiros, dos albaneis, dos escultores, nin sequera dos privilexiados destinatarios das lápidas funerarias. Non se explica como se pasa dun guerreiro castrexo a unha virxe para rematar nuns sarcófagos baleiros da época contemporánea.

Exaltación da pedra nunha casca de pedra, a exposición Gallaecia petrea, cun custe conxunto dun millón e medio de euros nun país que lle regatea as medicinas aos seus pensionistas, é todo un símbolo das palabras baleiras, da pomposidade e da vaidade coa que naceu e coa que morrerá a Cidade da Cultura. Errar é humano, señor presidente, e bo é recoñecelo. Recoñezan que a Cidade da Cultura foi un erro monumental e carísimo do PP, o PSOE e o BNG. Xa sabemos que non a poden derrubar, fagan vostedes o que boamente podan. Pero por favor, non intenten xustificala nin darlle así un sentido. Cando un barco vai a pique, señor presidente, o seu capitán ten que arriar os botes e salvar a pasaxe. Mande xa calar a orquestra, e non faga como o capitán do Titanic, que a fixo tocar ata o final do seu barco, un barco no que os vixías non puideron ver un iceberg porque non levaban prismáticos, para aforrar.

25 Xuño 2012 - Posted by | Galicia, History, Politics, Visual arts

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s