Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Para o ministro Wert aproban demasiados alumnos

Xa falei nun post anterior (“Malos tiempos para la lírica”) do actual ministro de Educación e Cultura, José Ignacio Wert Ortega, especialista en mercadotecnia e ex alto cargo do BBVA.

Este peón do neoliberalismo está en permanente campaña de propaganda contra a educación pública e contra a educación inclusiva. Segundo as súas teorías, sempre mesturadas con falacias e groseiras mentiras impropias dun discurso presuntamente científico, habería que reforma-la escola porque nela sobrarían todos aqueles alumnos que non se esforzan abondo. Botan a culpa ós usuarios, como se vas ó médico cun tumor e el che di que a culpa é túa porque non te coidaches abondo; pero ademais aquí inverten causa e efecto, porque o fracaso é máis imputable ó sistema que ós rapaces. Sobrarían tamén aqueles contidos que o mercado non demanda, sobrarían as escolas rurais porque a ratio de alumnos por profesor incumpre os criterios de eficiencia…

Agora deulle por dicir que o sistema educativo español precisa de “avaliacións externas”. Ese sistema obrigaría ás escolas a traballar de forma antipedagóxica para simular unha uniformidade irreal, anularía décadas de avances en autonomía dos centros (curriculum aberto e flexible), serviría como escusa para culpabilizar a alumnado e profesorado polos fracasos do sistema, así como para xustifica-la segregación (darwinismo social).

Non lle importa contradicirse, pois di que nas probas de acceso á universidade aproban demasiados alumnos (“Wert dice que la selectividad no funciona porque la aprueba el 94% de los alumnos”, El País, 5 – VII – 2012). ¿Non sería iso, máis ben, un éxito da educación secundaria, que segundo el é tan desastrosa? A realidade é moito máis triste, e non ten que ver nin coa proba selectiva nin coa calidade da formación nos institutos: se aproban case tódolos alumnos que van á selectividade é porque houbo unha durísima selección previa, na secundaria obrigatoria e na postobrigatoria. En calquera caso, vexo difícil que as medidas de Wert vaian millora-la educación. Nin millora por endurecela aínda máis, cunha carreira de obstáculos en forma de reválidas, nin millora por aumenta-la ratio de alumnos por profesor.

6 Xullo 2012 - Posted by | Education, Human Rights, Politics, Propaganda, Spain

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s