Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Ebselen e TAB: non se pode vende-la pel do oso antes de cazalo

Como dixen noutra anotación, a propósito dos antidepresivos, hai que ser cautos diante de calquera información xornalística, aínda que proveña dun medio presuntamente divulgativo. Hai uns días publicouse na web ABC Salud unha noticia que comezaba así: “Científicos de la Universidad de Oxford (Reino Unido), han demostrado la eficacia de un nuevo medicamento para el trastorno bipolar que funciona como el litio, el tratamiento más común y eficaz para mitigar el cambio de ánimo que causa esta dolencia, pero sin los efectos secundarios que este provoca”.

É difícil acumular tantas inexactitudes nun so parágrafo. Vexamos:

  • O ebselen non é un medicamento novo; investígase con el, cando menos, desde o 1984.
  • Non puideron demostra-la eficacia para o trastorno afectivo bipolar (TAB) porque aínda non experimentaron con pacientes de TAB. O estudo e a patente deste grupo de Oxford baséanse nun modelo que se limitou a intentar “reproducir” un episodio maníaco en ratos de laboratorio ós que subministraron anfetamina.
  • Non pode dicirse que a substancia x “funciona como o litio” porque aínda non existe evidencia concluínte sobre o mecanismo de acción do litio en canto estabilizador do estado de ánimo. É certo que o litio inhibe a inositol monofosfatase (IMPase) e fai diminuí-la actividade da proteína cinase C (PKC), pero tamén ten outros efectos como o que inhibe a glicóxeno sintase cinase 3 (GSK-3).
  • Fálase de substituí-lo litio como se non houbese xa alternativas de eficacia comprobada. Entre os estabilizadores do estado de ánimo máis frecuentemente prescritos está o litio, pero tamén están, entre outros, o ácido valproico, a lamotrixina, a carbamazepina e a oxcarbazepina.

Son centos os grupos de investigación que procuran novos fármacos de uso psiquiátrico, e son moitas as patentes que rexistran. É un mercado con pacientes que se medican durante anos e os novos fármacos (ás veces non tan novos) poden producir grandes beneficios se as administracións autorizan o seu uso. Esta investigación é unha entre moitas, e oxalá dea froito, pero non se pode vende-la pel do oso antes de cazalo.

10 Setembro 2013 - Posted by | Bipolar affective disorder, Medications, Mental Health

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s