Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

As nenas violadas de Marrocos

Soou o meu móbil. A chamada procedía dun número que eu non gardara na memoria do terminal. ¿Quen podía ser?

Desde o outro lado da liña interpeloume unha voz feminina coa entoación profesional característica, esa melodía de fachada, aprendida, estereotipada, maquinal, planificada e plana incluso nas súas modulacións. A voz empregou o meu nome de pía, elemento estratéxico arquicoñecido polo gremio dos vendedores, que camuflan o seu miserable oficio baixo eufemismos como axentes de ventas, comerciais ou teleoperadores, entre outros.

A voz recordoume que durante anos eu “colaborara” (outro eufemismo, este para evitar referirse explicitamente ó diñeiro) coa organización X, o cal me agradecían (isto a modo de captatio benevolentiae), e ofreceuse para repasar algúns dos obxectivos alcanzados pola organización X “se vostede dispón de dous minutos”.

Entre as debilidades de moitos ex-doadores particulares está un certo sentimento de culpa por interrumpi-la doazón, emoción análoga á que soe intervir en primeira instancia nas accións que algúns consideran altruístas. Explotar esa culpa en proveito da causa da organización X era a arma da voz nesta campaña. Outras campañas similares, coas cales nos bombardea a propaganda usan na súa chantaxe moral imaxes de nenos que sofren a fame, a enfermidade ou a guerra.

O discurso da voz apoiábase nun so presunto logro da organización X, reiterado adecuadamente segundo as regras da mercadotecnia:

“Conoces el caso de las niñas violadas de Marruecos [ver Amina Filali], cuyos violadores eludían la cárcel casándose con sus víctimas. Gracias a tu ‘colaboración’ hemos conseguido que cambie la ley […] Si retomas tu ‘colaboración’ podríamos evitar casos como el de las niñas violadas de Marruecos […]”.

A voz martelou tres ou catro veces co asunto das nenas violadas de Marrocos. Eu pensaba na persoa que prestaba a súa voz á voz, a axente de ventas, obrigada polo patrón a repetir unha falaz barbaridade a cada instante, para innumerables interlocutores. Non sei como a organización X non pensa na integridade moral e psíquica dos teleoperadores.

Porque as falacias son claras, aínda que a nosa mente é vulnerable e pode non advertilas no momento. A mensaxe dinos, na súa estructura profunda, que estas cousas repugnantes seguirán a suceder se ti non “colaboras” co teu diñeiro e entón ti serás responsable…

En primeiro lugar, no caso de que queiramos contribuír a unha causa, o diñeiro non é a única axuda que podemos achegar. De feito, algunhas organizacións crecen desordenadamente cando reciben demasiado diñeiro ou cando se centran so en recadar diñeiro, poden burocratizarse en exceso e perder eficacia en vez de gañala. E no caso de asumir unha responsabilidade, quen máis teñen, como as corporacións e os gobernos, máis responsables serán, e non quen menos temos.

En segundo lugar, debemos discutir se hai unha relación de causalidade entre as doazóns, as accións da organización X e os efectos conseguidos. Aínda concedendo que as accións da organización X puideron ser acertadas e encomiables, non se pode soster que foron tan eficaces como para constituíren unha causa decisiva no cambio lexislativo aducido.

Por último, debo dicir que a organización X ten unha desculpa: mantense so das achegas de particulares e non acepta subvención de ningún goberno. Non podemos dici-lo mesmo do ACNUR, por exemplo, que nos presenta ós nenos traumatizados pola guerra civil de Siria pedindo “colaboración” ós telespectadores. Iso é criminal, porque un organismo das Nacións Unidas (e altamente burocratizado, por certo) ten que pedir maiores achegas ós gobernos ou denuncialos para que os presione a opinión pública, non culpabilizar á opinión pública pola insuficiencia orzamentaria da cal son responsables os gobernos… :-(

13 Abril 2014 - Posted by | Human Rights, Morocco, Politics, Propaganda, Syria

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s