Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

TAB

O trastorno afectivo bipolar (TAB)

ADVERTENCIA: O diagnóstico e o tratamento por un psiquiatra son imprescindibles no trastorno afectivo bipolar. A información doutro paciente, dun libro ou dunha páxina de internet non debe usarse, en ningún caso, como pretexto para a automedicación ou para un abandono unilateral do tratamento.

O texto que segue é unha descripción sinxela e coloquial da enfermidade; podedes encontrar información máis extensa, profunda e científica nos enlaces, libros e vídeos.

O trastorno afectivo bipolar (TAB), máis coñecido como trastorno bipolar (TB), é o termo usado no diagnóstico dunha enfermidade mental do tipo “trastornos do estado de ánimo” que se manifesta mediante fases (episodios) de manía (ou hipomanía) e depresión, que alternan cun estado “normal” chamado eutimia. O antigo diagnóstico das persoas con TAB era psicose maníaco-depresiva (PMD), pero esa denominación mostrouse impropia, porque hai moitos casos de TAB sen síntomas psicóticos e sen manía.

Os síntomas do TAB, á vista dun episodio illado, poden confundir incluso ós especialistas, que ás veces diagnostican depresión, esquizofrenia ou un trastorno da personalidade. Por iso é fundamental que o enfermo vaia á consulta acompañado por unha persoa referente, un familiar ou achegado que conviva con el ou que coñeza ben a súa traxectoria vital. A “historia clínica” establecida coas informacións do enfermo e do referente permitirá ó psiquiatra un diagnóstico e un tratamento adecuados, minimizando o risco de recaídas e os efectos adversos da medicación.

Nos episodios de manía ou de hipomanía o pensamento, a fala e a actividade xeral aceléranse, a autoestima está esaxeradamente elevada, a persoa dorme menos, móstrase hiperactiva, irritable, desinhibida, e frecuentemente perde o control da súa conducta, destacando o descontrol na planificación da súa vida, nos seus gastos e na súa sexualidade. A actividade da persoa pode chegar a extremos nos que o pensamento ou a percepción perden o contacto coa realidade: son os síntomas psicóticos (delirios e alucinacións).

Nos episodios de depresión o cadro é o contrario. A actividade redúcese, a autoestima está esaxeradamente diminuída, a persoa dorme máis, elle un esforzo incluso saír da cama. Os pensamentos son cada vez máis negativos. Nos casos graves a persoa pode ter pensamentos relacionados coa morte e incluso chegar ó suicidio.

Tamén pode haber episodios mixtos, nos cales aparecen xuntos síntomas típicos da manía e síntomas típicos da depresión.

Repetimos: esta descripción non reflicte a diversidade que existe na práctica. Por exemplo, nun episodio depresivo pode aparecer insomnio en lugar de hipersomnia. Cada persoa ten unhas predisposicións e unhas circunstancias ambientais particulares. Isto conleva que cada persoa experimente síntomas distintos e responda ós tratamentos de forma distinta. Vale recorda-lo tópico “máis que enfermidades, o que hai son enfermos”. O diagnóstico é unha ferramenta para describir un conxunto de síntomas, unha enfermidade, e é útil no seu tratamento, pero a etiqueta que o psiquiatra lles pon a eses síntomas e a esa enfermidade non debe interpretarse como unha etiqueta ou un estigma que se lle pon á persoa.

Sobre as causas do TAB (etioloxía), a maior parte da Psiquiatría “oficial” e as grandes empresas farmacéuticas (as Big Pharma) sosteñen o “modelo bioxenético”. Isto é, din que o TAB pode ter unha base orgánica (probablemente unha disfunción no sistema límbico, parte do cerebro que regula, entre outras cousas, o estado de ánimo) e unha compoñente xenética (pode haber varios casos de TAB nunha mesma familia). A primeira manifestación (debut) do TAB pode desencadearse cunha situación de estrés ou polo consumo de drogas. Segundo o modelo bioxenético o TAB é, a partir do seu debut, unha enfermidade crónica.

O modelo bioxenético, cando se converte en ideoloxía, provoca que os médicos traten ós seus pacientes so con fármacos, e que eses fármacos se prescriban de por vida, nun contexto no cal os pacientes esperan pasivamente a melloría e ás veces non son informados dos efectos adversos que poden ter eses tratamentos a longo prazo. Non deciden por si mesmos se lles compensa a relación custo-beneficio do tratamento.

O modelo psicosocial pon a énfase nos traumas, nos problemas, nas conductas, nos pensamentos e nas emocións da persoa na vida cotidiana, tanto para explica-las causas dos trastornos como para intentar darlles tratamento, coas diversas formas de psicoterapia. Nestes tratamentos os pacientes son suxeitos activos do proceso terapéutico.

Seguramente a virtude estea no medio, en aproveita-los fármacos xunto coas psicoterapias, ser activos (os fármacos axudan pero temos que axudarnos nós tamén) e críticos, informarse da base científica que teñen os tratamentos así como dos seus efectos adversos. Podemos vivir cun diagnóstico de TAB, con relativa normalidade, se seguimos algunhas regras básicas:

  • Tratamentos farmacolóxicos (que prescribe o psiquiatra). Isto pode implicar non consumir alcohol nin drogas.
  • Psicoterapias, por exemplo a terapia cognitivo-conductual.
  • Hábitos máis sanos: horarios regulares de sono. Parte do noso ocio que sexa socializado (contacto con persoas). Realizar actividades estructuradas.
  • Aprender a detecta-los síntomas de recaída (para isto a psicoeducación será unha axuda moi importante).

Este último punto é importantísimo: o enfermo e os seus achegados deben coñecer aqueles síntomas que poden indicar unha recaída. En episodios depresivos, se consultamos cun especialista a tempo (incluso no servizo de urxencias), un axuste da medicación ou unha psicoterapia adecuada poden evitar que os pensamentos de morte sigan empeorando, e quizá evitemos un suicidio.

En episodios maníacos ou hipomaníacos, unha consulta a tempo pode evitar que o enfermo malgaste os seus aforros ou hipoteque as súas propiedades en proxectos irracionais (prodigalidade). Pode evitar que perda o seu emprego, que sufra unha ruptura de parella, que poña en perigo a súa integridade física e a dos demais conducindo de forma inapropiada, que cometa calquera outro delicto, que acabe ingresando involuntariamente nunha unidade psiquiátrica de agudos, co sufrimento que iso leva aparellado, etcétera.

Enlaces sobre trastorno bipolar

Enlaces para pacientes e familias

Enlaces sobre medicamentos

Sociedades científicas, publicacións, profesionais da saúde mental

Libros e vídeos

Vídeos

Inclúo aquí os enlaces a dous vídeos da serie “Trastorno bipolar. Guía interactiva para pacientes con enfermedades de larga duración”. Esta serie realizouna o programa de trastorno bipolar de Forumclínic, coordinado polo psiquiatra Antoni Benabarre (Hospital Clínic de Barcelona).

Materiais escritos